Galabra aborda o impacto do Camiño en Compostela a través da percepción da comunidade local

A tendencia á baixa no gusto pola cidade de Santiago de Compostela nos últimos 30 anos é unha das conclusións do estudo desenvolvido pola Rede Galabra que se presentou este mércores 19 no Museo do Pobo Galego baixo o lema ‘O impacto do Camiño nos nosos Barrios’. A investigación afonda en como a comunidade local percibe o impacto das persoas visitantes. Dirixido por Elias J. Feijó Torres, coordinador do grupo, o traballo constata unha percepción á alza de mudanzas no modo de vida por mor das persoas visitantes e unha clara resistencia a que a zona antiga sexa reservada para o turismo. Ademais, detéctase un aumento considerable da preferencia da poboación local por “outro tipo de turista”. Neste senso, o perfil ideal sería o dunha persoa educada e respectuosa cos locais e a cidade, seguido da persoa informada cun interese real pola cidade, a súa cultura e a súa historia.
Ademais do profesor Feijó Torres, presentaron o estudo Felisa Rodríguez Prado da USC, Carlos Pazos-Justo da Universidade do Minho e Silvia Pérez Freire da Universidade de Vigo. Tal e como se desprende do estudo, constátase un aumento exponencial do número de persoas peregrinas e unha boa valoración da imaxe de Santiago, excepto da derivada de políticas turísticas. De feito, a Catedral adquire mellor valoración para a xente que non reside preto.
Metodoloxía
Os resultados son froito dunha enquisa realizada a persoas maiores de 18 anos dos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo como atributo obxectivo, limitada polo atributo subxectivo de posuír unha experiencia significativa de uso da cidade de Compostela como espazo de vida persoal, social, laboral, de consumo e lecer.
A Rede naceu na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela nos anos finais da década de noventa e agrupa na actualidade os Grupos Galabra nas Universidades do Minho (Portugal), Federal de Goiás (Brasil), Instituto Superiro de Educação de Luanda (Angola) e persoal investigador asociado de outras universidades. Galabra estuda a cultura comprendida como ben e como ferramenta de persoas e comunidades, os modos en que as persoas e as comunidades organizan as súas vidas, clasifican, interveñen e evolucionan no mundo e as opcións que os grupos mobilizan para conseguir obxectivos, así como a relación entre narrativas, comunidades e territorios. Todo isto técese con cuestións relativas a cohesión social, sustentabilidade identitaria, evolucionismo cultural, ou desenvolvemento comunitario, entre outras. Galabra incorpora ao seu traballo investigador a reflexión e a práctica sobre a transferencia e o Compromiso Social Investigador, entendido como a incorporación á análise de resultados investigadores dos sectores afectados ou interesados por eles.
