O Grupo Compostela organiza un taller internacional sobre como mellorar os coñecementos e habilidades na planificación da I+D
O Grupo Compostela de Universidade, conxuntamente co grupo Santander, organiza na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas un taller destinados a directores de proxectos de investigación de diferentes países. A xornada, prevista para o 11 de novembro, destinarase a mellorar os coñecementos e habilidades na planificación e coordinación no ámbito do I+D. É unha iniciativa especialmente deseñada para directores de iniciativas inscritas dentro do sétimo Programa Marco da Unión Europea. O programa do obradoiro, as súas tarifas e o formulario de inscrición pódese consultar na páxina web http:// www.sgroup.be. As persoas interesadas poderán apuntarse nun primeiro prazo de matrícula ata o próximo día 28, incrementando a partir desta data o custe de rexistro en 50 euros. Os membros dos grupos organizadores poderán gozar de importantes descontos. Esta actividade está baseada nos 27 anos de experiencia do doutor Sean McCarthy quen dende 1999 ten impartido cursos de formación para 28.000 participantes en máis de 250 centros de investigación en diferentes lugares da Unión Europea. Ademais, participou en máis de 150 iniciativas de I+D e conseguiu máis de 50 contratos, dirixindo ata 16 destes.
O Grupo Compostela de Universidades é unha rede de institucións de formación superior que trata de fomentar a colaboración no ámbito educativo e científico. Creado en Santiago de Compostela no ano 1993, o Grupo conta na actualidade con máis de setenta institucións asociadas que proveñen de ata 23 diferentes países.