Ir o contido principal

Hortos urbanos ecolóxicos, unha iniciativa sostible que recobra vigor entre o estudantado da residencia universitaria ‘Bal y Gay’

Hortos urbanos ecolóxicos da residencia 'Bal y Gay'
Hortos urbanos ecolóxicos da residencia 'Bal y Gay'

Os hortos ecolóxicos urbanos semellan ter recuperado este curso o seu máximo vigor na residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo da USC, onde preto de 20 mozos e mozas desenvolveron todo tipo de prácticas hortícolas para cultivar un amplo abano de hortalizas que logo empregan para o autoconsumo.

O estudante valenciano Antoni Pau López, bolseiro de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, é un dos principais artífices do rexurdir dos hortos urbanos ecolóxicos na residencia ‘Bal Gay’, un centro universitario que comezou este tipo de prácticas hortícolas no curso 2008-2009. Logo duns anos nos que os hortos urbanos ecolóxicos non recibiron suficiente atención por parte do estudantado da residencia ‘Bal y Gay’, a concesión dun bolseiro específico para esta iniciativa da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC e o apoio recibido da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, contribuíron a revitalizar un programa que este curso contou con preto de 20 participantes. A diversidade das plantacións e o espírito colaborativo son dous dos aspectos singulares que presentan os hortos urbanos ecolóxicos da residencia universitaria luguesa, segundo dixo Antoni Pau, quen precisou que “o noso obxectivo é que este hortos permitan tamén dar visibilidade ás distintas hortalizas cultivadas en cada unha das rexións das que procedemos os estudantes”. Daquela, engadiu este universitario, “nos hortos da residencia ‘Bal y Gay’ colleitamos desde cenorias, tomates, leituga, coles, rábanos, cebolas, allos, acelgas, lombardas... Unha morea de hortalizas que logo aproveitamos para o autoconsumo, pero non só das persoas que as plantamos e coidamos, senón de calquera dos residentes que queira consumilos”. A iniciativa dos hortos urbanos ecolóxicos complétase na residencia ‘Bal e Gay’ cun posterior proceso de compostaxe, a través do que as persoas que colaboran con este programa de horticultura obteñen o compost que empregan ao ano seguinte para as plantacións, sinalou López.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2015.