O Hula despide a quinta promoción do grao en Enfermaría formada na escola universitaria de Lugo
A Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo celebrou este venres no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) o acto académico de graduación da quinta promoción de estudantes que completaron a formación do grao en Enfermaría no centro ao longo dos últimos catro anos no marco dun acto académico presidido polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, no que participaron 60 alumnos da promoción 2013-2017.
A cerimonia de graduación desenvolveuse no marco dunha sesión aberta á á participación das familias e na que tamén interviñeron como relatores o xerente de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares Rico; a directora da escola universitaria de Enfermaría, Mª Asunción Núñez Magdalena; a directora de Procesos de Enfermaría da EOXI Lugo, Cervo e Monforte, Mª Jesús Pérez Taboada; a decana da Facultade de Enfermaría de Santiago de Compostela, Ana Silveira Rodríguez; a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello López, e o profesor da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo Rosendo Bugarín González, en calidade de padriño desta promoción de novos graduados
A enfermeira da Coordinación de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue Marta Álvarez Vázquez foi a relatora encargada de ofrecer a lección maxistral da sesión, unha intervención que se desenvolveu baixo o título ‘Enfermaría: parte esencial no sistema nacional de transplantes’. Ao seu remate, trala imposición de becas á nova promoción de graduados/as en Enfermaría na escola luguesa e logo da intervención de Javier García Aguete, Adrián López López e Patricia Ribeira Castro, en representación desta promoción de grao en Enfermaría, o acto rematou cun breve concerto a cargo da Coral do Hospital Universitario Lucus Agusti.
De esquerda a dereita, Bermello, Silveira Ares, Bueno, Núñez, Pérez e Bugarín, debaixo da orla de graduados, no Hula Graduados e graduadas da quinta promoción do grao en Enfermería, docentes, familiares e amizades, no salón de actos do Hula