Iago Domínguez e Simona Kantcheva interpretan a Tchaikovsky este mércores no auditorio da Casa do Saber

O violonchelista compostelán Iago Domínguez Eiras e a pianista búlgara Simona Kantcheva interpretarán este mércores 22, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, o Concerto para violonchelo e orquestra en Mi Maior (arranxo para violonchelo e piano) de Boris Tchaikovsky (1925- 1996). O recital, de entrada libre e de balde ata completar aforo.
Os intérpretes Iago Domínguez (Santiago, 1995) comezou a estudar música aos cinco anos na escola Berenguela, posteriormente no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e realizou o grao profesional baixo a tutela de Bárbara Switalska. Recibiu grandes influencias de músicos como Bárbara Switalska, Johannes Moser, Ivan Monighetti, Sol Gabetta, Asier Polo, Rouslana Prokopenko, Daniel Müller-Schott e Lluis Claret. No ámbito camerístico recibiu clases do Emerson Quartet e dos profesores Anton Kernjak, Felix Renggli, Alexander Gold e Ilona Timchenko. En 2007 consegue o premio honorífico do Concurso Internacional David Russell para novos talentos e grava o seu primeiro CD coa Radio Galega. Tres anos máis tarde foi finalista no Concurso Internacional de Violoncello Villa de Llanes en Asturias e en 2012 participou convidado pola Fundación Vladímir Spivakov no Moscow Meets Friends Festival en Moscú. Ese mesmo ano, no marco do II Encontro Internacional ‘Peregrinos Musicales’, debuta coa Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Santiago baixo a dirección de Maximino Zumalave, interpretando o Concerto en Do Mayor de J. Haydn. Formou parte da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, chegando a colaborar en 2014 coa propia Sinfónica baixo a dirección de Dima Slobodeniouk. Ademais, ese mesmo ano é admitido na String Academy do Yehudi Menuhin Music Festival en Gstaad (Suíza) e na clase de Ivan Monighetti e Sol Gabetta na Hochschule für Musik Basel, onde cursa actualmente os seus estudos superiores. Pola súa banda, Simona Kantcheva obtivo os títulos de profesora de piano e teoría musical no Conservatorio Profesional de Varna (Bulgaria) e na Academia Nacional Superior de Música de Sofía. Foi profesora titular de piano e solfeo entre 1993 e 1997 no Conservatorio de Música de Varna. Colaborou con varias orquestras, como a de Cámara de Varna, Camerata Quiodi, Orquesta da Escola de Altos Estudos Musicais e a Real Filharmonia de Galicia baixo a batuta de A. Ros Marbá, P. Daniel, A. Ceccato, M. Zumalave e E.M. Izquierdo, entre outros. Colabora asiduamente como pianista acompañante na E.A.E.M. e participa nas clases maxistrais dos profesores A.Park, D. Hope, C. Bolsi, M Kaplan, T.Todorova, Ll. Claret, E. Terwillinger etc. Participou tamén en diferentes gravacións discográficas coa Real Filharmonía de Galicia.