III Semana da Danza Latina na USC, con sesións abertas a toda a cidade
Do vindeiro luns 5 ata o mércores 7 o Espazo de Danza da USC que dirixe Juan Carlos Zahera organiza a súa terceira Semana da Danza Latina, que este ano supera as dúas edicións anteriores coa mostra de traballos así como clases abertas a todo o público asistente. O evento clausurarase o día 7 coa actuación de música en directo do grupo ArtLatin.
As sesións, dirixidas polo profesor Miguel David Herrera Lage, terán lugar o luns e o martes na Praza de Praterías de 20.00 a 22.00 horas e o mércores co mesmo horario no Campo de Hoquei do Campus Vida (tras da Residencia Universitaria Fonseca).
Cada xornada contará con demostracións individuais de merengue, bachata, salsa, timba e chachachá; en parella das técnicas ‘El Conteo’ e ‘El Gallo Ciego’ e colectivas de diversas rodas e conga. As clases abertas serán a partir das 21.00 horas.