O iMATUS esperta vocacións científicas no ámbito STEM

O Instituto de Materiais da USC (iMATUS) recibiu este mércores 4 unha vintena de estudantes de Bacharelato de Ciencias que cursan Tecnoloxía no IES de Sar. “O estudantado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as metodoloxías de deseño e procesado de novos materiais 2D e 3D más innovadoras”, explicou a directora do iMATUS, Carmen Álvarez Lorenzo. Esta visita de alumnado preuniversitario enmárcase no programa ‘Colabora e Innova no teu Barrio’ da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Revive Santiago, que durante os próximos meses achegará a cidadanía compostelá á innovación, á fabricación dixital e á dixitalización.
O iMATUS é o primeiro dos centros da USC en sumarse a esta iniciativa malia que están previstas máis visitas ao longo das vindeiras semanas. Así no marco destas xuntanzas que permiten espertar vocacións científicas entre a mocidade preuniversitaria tamén participarán os centros singulares de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS),o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS).
O Instituto de Materiais fomenta a través deste programa o coñecemento no ámbito STEM entre a mocidade grazas a un equipo integrado por máis de 150 investigadores/as senior e junior, especialistas no ámbito dos materiais para a saúde, a enerxía e medioambiente, e a industria e innovación. “O iMATUS colabora facendo chegar aos centros educativos compostelás os avances máis recentes no ámbito da ciencia e a tecnoloxía de materiais”, sinala Carmen Álvarez.
‘Colabora e innova no teu barrio’ contempla o desenvolvemento de dous espazos e procesos interxeneracionais de achegamento da cultura maker (cultura de facer, buscar, deseñar, pensar e crear solucións doadas ou non profesionais para levar a cabo proxectos tecnoloxicamente complexos) aos titulares e persoal das industrias e negocios tradicionais dos barrios de Santiago de Compostela; a transmisión interxeneracional de coñecementos TIC (Tecnoloxías da Información e das Comunicacións) da poboación máis nova á poboación maior, de xeito que se favoreza a redución da fenda tecnolóxica; así como a divulgación deses coñecementos e procesos de aplicación da cultura maker nos negocios tradicionais entre a infancia e as familias.
