Inaugúranse os cursos de verán de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e para profesores de español como lingua estranxeira
Cursos Internacionais das USC organiza este luns 19 o acto oficial de inauguración dos cursos de verán de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e para profesores de español como lingua estranxeira. A apertura será ás 19:00 horas no Paraninfo da Universidade e nela intervirán o reitor da USC, Juan Casares Long; o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; a vocal asesora do Ministerio de Educación, Rosa Rodríguez Pascual; e a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud. Será o escritor e xornalista Miguel Anxo Murado quen pronuncie a conferencia inaugural sobre a visión que de España e Galicia se ten desde o estranxeiro. Ao acto asistirán os estudantes e coordinadores estranxeiros que participan nos cursos procedentes de Reino Unido, Italia, Estados Unidos, Canadá, Brasil, Arabia Saudí ou xapón así como os estudantes que viaxaron individualmente chegados de máis de vinte países de todo o mundo e os docentes estranxeiros de ensino secundario que forman parte dos programas de formación. En total, neste mes de xullo están matriculados trescentos estudantes procedentes de corenta nacionalidades.