Inaugúranse este xoves os cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia
A XXIII edición dos Cursos de verán de Lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia inaugurarase este xoves, 8 de xullo, nun acto a celebrar ás 12:00 horas na Facultade de Filosofía da USC (Praza de Mazarelos). Ao acto de apertura asisten o reitor da USC, Juan Casares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; a directora do Instituto de Lingua Galega (Ilg) da USC, Rosario Álvarez; e o director dos cursos, Francisco Fernández Rei. Organizados polo Ilg, a Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega, ás vinte e dúas edicións pasadas asistiron xa máis de 2.200 alumnos e alumnas de moi diversos países de todo o mundo. Nesta edición de 2010 participan 85 estudantes procedentes de Alemaña, Arxentina, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Costa Rica, Croacia, Cuba, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Indonesia, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Perú, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, Ucraína e Xapón.