Ir o contido principal

A información e as leis relacionadas co Camiño de Santiago centran un curso de verán en Sarria

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

A comunicación e a normativa relacionada co Camiño de Santiago serán os temas a debater no curso de verán que se desenvolverá dende o 26 ao 30 de xullo no Salón de Plenos do Concello de Sarria baixo a dirección do xornalista Luís Celeiro Álvarez. Profesores da USC, xornalistas e profesionais da economía e do turismo participarán nunha ducia de relatorios e mesas redondas sobre as orixes históricas da peregrinación e os seus horizontes dixitais, a información e os factores noticiosos no Camiño ou as políticas de comunicación e a propiedade intelectual. Os asistentes a este seminario poderán tamén visitar lugares destacados da comarca luguesa como é o caso do Mosteiro de Samos, a igrexa de Barbadelo ou O Alto da Pedra, onde terá lugar un recital de poesía en homenaxe ao escritor Uxío Novoneira. Cun total de trinta horas de duración, este curso conta co financiamento do Concello de Sarria e da Compañía da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). Toda a información sobre esta actividade estival pódese consultar na páxina www.usc.es/cultura/uveran24_10.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2010.