Ir o contido principal

Iniciadas as actuacións para o acondicionamento do contorno do IBADER no Campus de Lugo

De esquerda a dereita Gómez Besteiro, García Herradón e López Orozco á entrada dun dos barracóns nas inmediacións do IBADER
De esquerda a dereita Gómez Besteiro, García Herradón e López Orozco á entrada dun dos barracóns nas inmediacións do IBADER
A Deputación de Lugo efectúa o derribo dos barracóns situados nas inmediacións do Instituto para mellorar os accesos en colaboración co Concello

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, asistiron este luns 17 ao inicio dos traballos que inclúen a demolición dos barracóns situados entre o hospital veterinario Rof Codina e a facultade de Dirección e Administración de Empresas, para mellorar o acceso ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do Campus de Lugo.

Valoracións O Vicerreitor subliñou que “para nós é unha satisfacción que se derriben estas naves porque vai permitir que a sede do IBADER teña unha entrada digna e o Concello poderá facerse cargo da iluminación. É un pracer colaborar unha vez máis con estas dúas administracións porque todas as cousas que lles demandamos, fanas”, destacou García Herradón. Paralelamente, Gómez Besteiro subliñou que “son pequenas grandes obras que fan grande á cidade” . Ao mesmos tempo explicou que os barracóns cumpriron a súa misión provisional, e agora solucionase o problema que tiña o Campus nestes accesos, trasladando o espazo dos traballadores ao Hotel Miño. Despois do derribo procederase á retirada do amianto para poder limpar a zona e que o Concello urbanice o contorno. Pola súa parte, o rexedor municipal lucense, destacou entre outros aspectos, que con esta actuación a cidade gaña un espazo urbano como zona verde. A Casa da Granxa, sede do IBADER A Deputación de Lugo cedera á USC a finca coñecida como “A Casa da Granxa” para situar a nova e actual sede do IBADER, que posteriormente foi acondicionada coa colaboración do organismo provincial para poder darlle os usos actuais. O Institudo de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural é un referente tanto no eido ambiental como no medio rural, así como na planificación e xestión do territorio. O inmoble conta con dúas plantas e preto de 400 metros cadrados útiles nos que se distribúen salas de traballo, un laboratorio de catalogación e recursos biolóxicos e un sistema de información xeográfica. O IBADER sitúase nunha finca de 1.822 metros cadrados e as naves nas que se emprazaba a brigada de mantemento ocupan unha superficie de 873 metros cadrados. Coa súa demolición, este espazo é cedido na súa integridade á USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2011.