Ir o contido principal

Innovatia 8.3 avalía a brecha de xénero no emprendemento de I+D+i en trece universidades da contorna estatal

Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
O informe inclúe un ‘Top 50’ de persoal investigador das institucións participantes, no que o 12% son mulleres
Lugo, Santiago de Compostela

O 24% dos proxectos de transferencia que se desenvolven nas universidades españolas atópanse dirixidos por mulleres. Esta é unha das conclusións do estudo 'Indicadores de xénero no emprendemento de I+D+i', realizado no marco do programa Innovatia 8.3, froito da colaboración entre a USC e o Instituto das Mulleres. O informe que foi presentado este xoves 15 nunha sesión que se desenvolveu no Colexio de Economistas de Madrid e que puido seguirse en liña, evidencia que o 23,67% dos fondos son captados por mulleres, e que o 34,46% ten sido investigadora principal dalgún proxecto de transferencia.

O estudo está integrado por un total de trece universidades da contorna estatal e baséase na recolleita dos datos completos de emprendemento de todos os centros que as integran. Así, a análise abarca 57.489 persoas, 42.806 proxectos de transferencia, 347 cátedras, 1.413 patentes e 203 spin off. Entre as conclusións que se desprenden do estudo elaborado entre o 1 de novembro de 2022 e ata o 24 de outubro de 2023, destaca que o 34,42% das persoas con cátedras son mulleres e captan o 23,69% dos fondos de cátedras. Entre o persoal investigador con patentes, o 24,66% son mulleres. Dende 2010, creáronse 203 spin off, das cales 158 seguen operativas. O informe constata que o 18,23% do persoal investigador con spin off é feminino.

A clasificación elaborou un Top 50 para o que se avaliaron os méritos de todo o persoal investigador das institucións participantes e no que aparecen 6 mulleres, o 12% do total de integrantes na listaxe. Segundo destacou Eva López Barrio, coordinadora de Innovatia 8.3, “a brecha non se pechará se as mulleres non están presentes nos sectores de maior demanda laboral e nos postos mellor remunerados e se non dispoñen dun tempo para o desenvolvemento da súa carreira profesional independente do tempo que deben dedicar aos coidados e á familia”. López Barrio abordou na súa intervención quen son as persoas que xeran e transfiren o coñecemento en España. O acto estivo presidido pola directora do Instituto das Mulleres, Isabel García Sánchez, e contou coa participación de diferentes relatoras especialistas en emprendemento con perspectiva de xénero.

O estudo ten como obxectivo definir novos indicadores específicos de xénero que permitan coñecer as desigualdades entre homes e mulleres a nivel estatal dentro do ámbito do emprendemento. É o primeiro estudo que se realiza con datos corporativos dun amplo conxunto de universidades, “o que supón un gran reto xa que non existe un estándar para recoller, almacenar e xestionar os datos resultantes da actividade investigadora”, matiza López Barrio. Este estudo non é unha enquisa ampliada, é unha análise en profundidade dos datos completos dun conxunto de universidades españolas, que son significativas a nivel estatal neste eido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2024.