Ir o contido principal

A integración do CERAI na Politécnica abre vías de colaboración en proxectos de agricultura ecolóxica e cooperación

O Centro de Estudios Rurais e de Agricultura Internacional (CERAI) presentouse na Escola Politécnica Superior de Lugo onde contará cunha sede permanente co fin de promover entre a comunidade universitaria e a sociedade en xeral proxectos agrogandeiras e silvícolas dende un enfoque agroecolóxico.

Este obxectivo púxose de manifesto durante a Xornada de Cooperación celebrada no centro do Campus de Lugo este luns, onde interviñeron o director da EPS, Javier Bueno, e o subdirector, Emilio Carral, facendo fincapé no interese da Politécnica en acoller as actividades promovidas por CERAI como unha oportunidade de colaboración en temas de formación. Os responsables da USC tamén salientaron o interese da cooperación no tocante a xerar expectativas de emprego. Pola súa banda, a responsable en Lugo do Servizo de Voluntariado e Participación da USC, Fátima Teixeiro, trazou os eixos de posibles vías de colaboración institucional da Universidade na promoción de actividades conxuntas co CERAI.Ao mesmo tempo, a representante da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), Carmen Jaime, trasladou o interese desta organización en colaborar na formación técnica dos agroecólogos. Paralelamente, o presidente do CERAI, José Luis Porcuna, amosou a satisfacción de contar cunha sede permanente en Galicia e resaltou a importancia de ter profesionais para a cooperación con formación específica no aspecto técnico e sociolóxico. Resaltou que CERAI selecciona e forma técnicos en cooperación que sexan quen de promover e dar continuidade aos proxectos que executa en diferentes países. Co obxectivo da formación e con miras a poder dispoñer dunha bolsa de traballo con técnicos especificamente formados para o tipo de proxectos que desenvolve CERAI, presentouse o I Curso de Agroecoloxía, Cooperación Internacional e Desenvolvemento Rural, no que colabora, entre outros, o Premio Nóbel da Paz Adolfo Pérez Esquivel. Porcuna amosou a boa disposición de promover unha das edicións do curso en colaboración coa USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2010.