Ir o contido principal

O integrante do Comité Asesor Internacional de Campus Vida, Patrick Couvreur, visitou o Campus de Excelencia da institución compostelá

Patrick Couvreur, no centro, acompañado de María José Alonso e de Francisco González
Patrick Couvreur, no centro, acompañado de María José Alonso e de Francisco González
Tamén asistiu no edificio Emprendia á inauguración dun novo laboratorio de nanomedicina

O integrante do Comité Asesor Internacional de Campus Vida, Patrick Couvreur, visitou este venres a USC para coñecer o desenvolvemento do Campus de Excelencia da institución compostelá. A visita comezou na Reitoría onde o recibiron a vicerreitora en funcións de Investigación, María José Alonso; e o seu sucesor no cargo, o profesor Francisco González. A visita trasladouse deseguido ao Campus Vida, incluíndo unha parada no no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, entregado oficialmente á USC esta mesma semana, logo de rematadas as obras de execución. Experto en nanotecnoloxía médica, Patrick Couvreur é director da unidade de Química Física, Tecnoloxía Farmacéutica e Biofarmacéutica da Universidade de París Sur. Foi galardoado co Premio Galien 2009 de Investigación, en recoñecemento ao seu traballo en squalénisation, unha tecnoloxía punta que representa un avance na vectorización de drogas. Laboratorio de Nanomedicina Dentro da súa visita a Campus Vida, Couvreur asistiu ademais no edificio Emprendia á inauguración dun novo laboratorio de nanomedicina, promovido pola empresa Advancell e dende o que vai traballar a súa unidade Nanosystems da biotecnoloxía. O novo laboratorio atópase no Edifico Emprendia cunha superficie de máis de 300 metros cadrados divididos en tres áreas principais,unha sala de investigación, onde se producen as nanocápsulas segundo a tecnoloxía empregada; unha sala de estudo, na que, principalmente, se realiza o estudo do principio activo; e unha sala de produción, onde unha vez se produciu o prototipo a pequena escala (en rango de 10 a 250 gramos) se converte a unha escala máis grande de ata 5 quilogramos.

Logo do acto inaugural celebrouse en Emprendia unha xornada sobre ‘ Nanomedicina: unha nova tecnoloxía e as súas aplicacións”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2010.