O inverno comeza na noite do dia 21 ao 22
Na noite do martes 21 ao mércores 22, concretamente ás 0:38 horas do mércores, dará comezo o inverno boreal e polo tanto o verán no hemisferio sur. Esta estación prolongarase ata o 21 de marzo ás 0:21 horas, momento en que se iniciará a primavera. A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración con 88,99 días, fronte aos 89,85 do outono; 92,75 da primavera e os 93,65 do verán. Segundo explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, poucas horas antes do comezo da nova estación, se as condicións meteorolóxicas o permiten, poderase contemplar así mesmo unha eclipse total de Lúa a primeiras horas do martes 21. O satélite comezará a ser tapado pola Terra ás 7:33, en tanto que a eclipse total se iniciará ás 8:41, xa coa Lúa poñéndose cara ao W-NW. O inicio do inverno, engade Docobo, coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou solsticio de decembro, producíndose neste intre a mínima declinación solar( -23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) o que ten coma consecuencia que se rexistre o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas. Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis. Tal como sinala o profesor Docobo, débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro. O próximo día 4 de xaneiro rexistrarase unha eclipse parcial de Sol que comezará ás 7:40 horas, tendo a súa máximo expresión ás 9:51 horas, e rematará ás 12:00 horas. Dado que o Sol sairá en Galicia arredor das 9:00 horas xa o fará coa eclipse iniciada. Tal e como subliña o director do observatorio Astronómico da USC, sen dúbida este será o suceso astronómico mais sobranceiro do inverno. Tamén ese mesmo día terá lugar o máximo da choiva de estrelas fugaces Cuadrántidas. Mercurio estará en boas condicións de ser observado a simple vista antes da saída do sol en torno ao 9 de xaneiro, e o día 30 do mesmo mes haberá unha conxunción Lúa-Venus ao amencer. O día 19 de Marzo coincidirá a lúa chea coa mínima distancia entre a Terra e o seu satélite (perixeo lunar), o que, producíndose ademais moi preto do Equinoccio, vai producir mareas vivas importantes.