Ir o contido principal

Unha investigación en Ciencias da Comunicación, primeira no ámbito español que asocia o storytelling á comunicación política

Foi obxecto dunha tese cualificada con sobresaliente cum laude

‘Storytelling personal en el relato político. Análisis de los contenidos publicados en Youtube por los candidatos gallegos en las elecciones municipales de 2011’ é o título da tese de doutoramento de Pablo Vázquez Sande, primeira investigación que no ámbito español asocia o storytelling á comunicación política. Cualificada con sobresaliente cum laude, a investigación dirixida pola profesora Berta García Orosa consistiu na análise dos vídeos dos candidatos galegos ás elección municipais de 2011 máis reproducidos en Youtube. Co marco xeográfico das sete cidades galegas máis poboadas, o obxectivo foi detectar se incluían relatos con forma narrativa sobre contidos persoais dentro do seu discurso político para analizar o grao de implantación da técnica do storytelling. Entre os resultados, Pablo Vázquez Sande salienta que se trata dunha técnica aínda incipiente empregada nalgunha ocasión polo 30,4% dos políticos analizados, un total de 23. Ademais o traballo de Vázquez Sande sinala que o 5,3% dos 398 vídeos estudados pódense encadrar nesta fórmula narrativa. Ademais, a investigación permitiu constatar que os vídeos con contidos persoais presentados baixo a técnica do relato promoven unha maior interacción dos usuarios/as, de xeito que obteñen máis do dobre de reproducións que os vídeos e contidos exclusivamente políticos, 652 fronte a 309,5, explica o investigador. A interacción tamén se incrementa no relativo aos comentarios, “de xeito que a media de vídeos con algunha achega de usuarios/as é case o dobre -28,6% fronte ao 14,6% da media xeral-“, e á hora de recibir valoracións nos iconos –‘pulgares’­– de aprobación e desaprobación habilitados por Youtube (71,4% dos vídeos con relatos persoais, fronte ao 46,5% da media xeral). O traballo de doutoramento de Pablo Vázquez tamén pon de manifesto o perfil variado de políticos que recorreron a esta técnica dende o punto de vista de varios parámetros como a idade, filiación política, resultados electoral obtido ou experiencia política previa. Pablo Vázquez Sande

Pablo Vázquez Sande é licenciado en Xornalismo, Filoloxía Francesa e Hispánica pola USC. Realizou estudos de posgrao en Gabinetes de Comunicación e Relacións Públicas; Formación do Profesorado; Comunicación e Industria Creativas; e en Dirección de Campañas Electorais en diversas universidades españolas ademais da compostelá. Dende xaneiro de 2010 compaxina a súa actividade académica coa profesional, que exerce nun grupo político do concello de Lugo ata a actualidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.08.2015.