Investigación, docencia, dimensión internacional e compromiso rexional, fortalezas da USC recollidas no U-Multirank 2019

A investigación e a transferencia de coñecemento, o éxito do proceso de ensino e aprendizaxe, a contribución ao desenvolvemento rexional e a súa orientación internacional, especialmente a través das publicacións científicas de impacto mundial e, en menor medida tamén pola mobilidade estudantil, son algunhas das fortalezas da USC salientadas na edición de 2019 no U-Multirank, unha clasificación mundial de universidades impulsada inicialmente pola Comisión Europea e que, na actualidade, pola súa ampla mostra, se antolla como alternativa ao ranking Shangai.
O potencial no ámbito da I+D+i constitúe un dos parámetros nos que a USC recibe a máxima cualificación na última edición do U-Multirank, un sistema de clasificación de universidades de todo o mundo que computa e compara datos de 75 institucións académicas españolas e de máis de 1.700 universidades de 96 países de todo o mundo.
Daquela, o U-Multirank de 2019 outorga a cualificación A (a máxima dun total de cinco niveis) á capacidade da USC para a captación de recursos externos para I+d+i, así como a volume de publicacións científicas e interdisciplinares e no referido a índice de citacións en publicacións internacionais. Na mesma liña, pero no ámbito específico da transferencia de coñecemento e tal como xa se recolle en anteriores edicións desta clasificación, as patentes coa industria son o activo da USC mellor valorado seguido das publicacións con socios industriais, patentes rexistradas e publicacións citadas en patentes.
No capítulo da orientación internacional, a mobilidade estudantil constitúe xunto coa crecente evolución do número de estudantes internacionais que completan o seu doutoramento na USC en relación coas candidaturas presentadas, e as publicacións en colaboracións internacionais algúns dos factores mellor valorados na última edición do U-Multirank.
Outra das fortalezas da USC recollidas nesta clasificación de universidades de todo o mundo e que xa foran apuntadas no último ranking publicado pola Fundación CyD fan referencia á súa contribución ao desenvolvemento rexional e á captación de recursos da contorna por parte da USC. As taxas de rendemento académico do alumnado de grao e, sobre todo, no caso dos estudantes de posgrao, son outros dos parámetros que, segundo esta clasificación, manteñen á USC nunha posición de liderado na súa contorna.
U-Multirank
U-Multirank é una clasificación mundial de universidades e escolas superiores, orientada aos usuarios e abarcando múltiples aspectos da educación superior como a investigación, a ensinanza e a aprendizaxe, a orientación internacional e a transferencia de coñecementos. Para a valoración dos principais indicadores das institucións universitarios, U-Multirank emprega múltiples fonte: a información proporcionada polas propias universidades, bases de datos sobre produción bibliométrica e patentes así como os resultados das enquisas realizadas entre decenas de miles estudantes das universidades participantes.
A iniciativa da Comisión Europea, U-Multirank foi desenvolvido e posto en marcha por un consorcio independente liderado dende o Centre for Higher Education en Alemaña, o Center for Higher Education Policy Studies na Universidade de Twente e o Centre for Science and Technology Studies da Universidade de Leiden.