Ir o contido principal

Unha investigación do Ibader analiza a relación entre a hidroquímica das zonas húmidas e o territorio no que se atopan

Camen Cillero, entre Pablo Ramil e Ramón Díaz, directores da súa tese de doutoramento
Camen Cillero, entre Pablo Ramil e Ramón Díaz, directores da súa tese de doutoramento
Carmen Cillero afonda na súa tese na identificación e definición da conservación das áreas húmidas de lagoa en Galicia e a súa integración no sistema territorial

O estudo das relacións entre a hidroquímica das zonas húmidas e a estrutura do sistema territorial no que se enmarcan constitúe un dos eixes da tese de doutoramento ‘Identificación e definición do estado de conservación dos espazos húmidos de lagoa en Galicia e a súa integración no sistema territorial’, desenvolvida por Carmen Cillero Castro baixo a dirección dos profesores do Departamento de Botánica da USC e investigadores do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) Pablo Ramil Rego e Ramón Alberto Díaz Varela.

A tese defendida recentemente por Carmen Cillero afonda no coñecemento da hidroquímica de tipos de áreas húmidas, como o son as lagoas costeiras, lagoas de interior de cuncas sedimentarias e turbeiras. Esta investigadora relaciona no seu estudo as principais pautas de variación das lagoas coa estrutura e o funcionamento dos sistemas no contexto bioxeográfico de Galicia, como parte meridional da rexión bioxeográfica atlántica. Os principais xeradores de variabilidade con respecto á hidroquímica en todos os sistemas foron, nun primeiro momento, a orixe da auga de alimentación; subterránea ou superficial no caso dos medios interiores, e continental ou mariña, nas lagoas costeiras. A tese identifica asemade a morfometría e a hidroloxía dos sistemas como outras variables de grande relevancia ecolóxica. As técnicas de análise das augas e dos sistemas territoriais desenvolvidas por Carmen Cillero proban que o nivel de nutrientes está determinado sempre pola actividade humana. No caso dos hábitats de turbeira, polo seu acceso por vía atmosférica debido á tendencia ombotrófica dos medios estudados, e no caso das augas estancadas e lagoas costeiras, polas actividades dos vertidos de cuncas e terreos adxacentes. Cillero Castro identifica no seu estudo importantes diferenzas en función da estrutura territorial e socieconómica das áreas obxecto de estudo. Daquela, a investigadora sinala que a agricultura resultou ser a actividade máis influínte sobre o nivel de nutrientes das augas das zonas húmidas localizadas na Terra Chá. Esta incidencia atribúese nas zonas costeiras aos usos urbanos das cuncas. Outras das achegas da investigación realizada por Carmen Cillero é a que atinxe á identificación dos factores determinantes do mantemento dos procesos ecolóxicos clave dos hábitats analizados e vinculados á hidroquímica das súas augas. Esta información resulta moi útil para coñecer os aspectos sobre os que hai que incidir para garantir a longo prazo o bo estado de conservación destes hábitats.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2013.