Unha investigación sobre o impacto do consumo do tabaco en Portugal recibe o premio Robalo Cordeiro
No ano 2019 o consumo de tabaco xerou 13.847 mortes, o que representa o 12,3% do total da poboación portuguesa de 35 ou máis anos. Esta é a principal conclusión dun estudo desenvolvido dende a área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC que acaba de recibir o premio Robalo Cordeiro, o más importante que outorga a Sociedade Portuguesa de Pneumoloxía.
O traballo calculou o impacto do consumo de tabaco en Portugal en diferentes rexións e por sexo. Do total da mortalidade atribuída, o 71% aconteceu en varóns. A investigación pertence ao estudo realizado por Julia Rey Brandariz na súa tese de doutoramento e é froito da estadía predoutoral que realizaou na Universidade Nova de Lisboa baixo a titoría dos profesores Sofía Ravara e Pedro Aguiar. Os outros autores do traballo son Cristina Candal Pedreira, Soly Santiago Pérez, Esther López Vizcaíno, Leonor Varela Lema, Nerea Mouriño Castro, Alberto Ruano Raviña e Mónica Pérez Ríos, os dous últimos tamén directores da tese de doutoramento.
Investigadora premiada
Julia Rey Brandariz xa fora recoñecida pola Sociedade Española de Epidemioloxía polo seu traballo ‘Mortalidade atribuída ao consumo de tabaco nas Comunidades Autónomas de España, 2017’, dirixido pola profesora Mónica Pérez Ríos, da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, e co dirixido por María Isolina Santiago, da Dirección Xeral de Saúde Pública. Rey Brandariz foi distinguida co premio ao mellor Traballo Fin de Mestrado en Epidemioloxía e Saúde Pública de entre todos os traballos realizados nos diferentes mestrados de Epidemioloxía e Saúde Pública impartidos en universidades españolas. O traballo foi publicado na Revista Española de Cardioloxía.
Como explica a investigadora, a obtención deste tipo de estimacións, que aplican metodoloxía epidemiolóxica complexa, é de grande utilidade para a formulación de políticas sanitarias dirixidas á prevención e promoción da saúde pública.