Ir o contido principal

Unha investigación profunda na faciana filosófica de Ramón Piñeiro

A saudade, punto central do pensamento de Piñeiro, é un concepto filosófico que moitos empregaron a longo da historia, tanto en Galicia como nos países de lingua portuguesa
A saudade, punto central do pensamento de Piñeiro, é un concepto filosófico que moitos empregaron a longo da historia, tanto en Galicia como nos países de lingua portuguesa. FOTO: Consello da Cultura Galega
Rocío Carolo Tosar é a autora deste traballo que constitúe unha das primeiras achegas sobre o rol filosófico do intelectual, “vocación que sempre tivo aínda que as circunstancias non lle permitiron desenvolvela”, asegura a investigadora
Santiago de Compostela

A tese de doutoramento de Rocío Carolo Tosar profunda na figura de Ramón Piñeiro (1915-1990), intelectual da Xeración Galaxia, estudoso e activista da lingua, político e filósofo, sendo este último aspecto no que se centra a investigación titulada ‘Ramón Piñeiro: o filósofo da saudade’. “Despois do acontecido durante a guerra civil e as primeiras décadas da posguerra, Piñeiro afronta a tarefa de responder as grandes cuestións da vida e atopa na filosofía o medio para encontralas”, afirma a investigadora. O estudo comeza por determinar as principais influencias do pensamento de Ramón Piñeiro (fenomenoloxía, existencialismo), para a continuación construír o seu propio pensamento filosófico, dividido en tres eidos diferenciados: as súas bases antropolóxicas, a cuestión da linguaxe e o concepto de saudade.

A saudade, punto central do pensamento de Piñeiro, é un concepto filosófico que moitos empregaron a longo da historia, tanto en Galicia como nos países de lingua portuguesa. Porén, móstrase “esquivo e complexo”, asegura Carolo Tosar, polo que é necesario un traballo de reflexión dende as bases mesmas do concepto “para culminar na saudade ontolóxica defendida polo pensador de Láncara”. Así como existen varios traballos sobre o Piñeiro político, esta tese quere ser unha das primeiras achegas sobre a súa filosofía, “probablemente a vocación que sempre tivo aínda que as circunstancias non lle permitiron desenvolvela”, asegura a investigadora.

Purificación Mayobre Rodríguez da UVigo, Luís García Soto da USC e Celeste Lopes Natário da Universidade de Porto integraron o tribunal desta tese dirixida polo profesor Marcelino Agís Villaverde.

A investigadora xunto ao seu director e membros do tribunal
A investigadora xunto ao seu director e membros do tribunal
Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2023.