Ir o contido principal

O investigador do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental Jesús Horacio García gaña o primeiro premio da Asociación de Xeógrafos Españois á mellor tese da especialidade

De esquerda a dereita, Augusto Pérez-Alberti, Jesús Horacio García e Alfredo Allero tras o acto de defensa e mantemento da tese.
De esquerda a dereita, Augusto Pérez-Alberti, Jesús Horacio García e Alfredo Allero tras o acto de defensa e mantemento da tese.

O I Premio Manuel de Terán Álvarez á mellor tese de doutoramento da Asociación de Xeógrafos Españois recaeu no investigador do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da USC Jesús Horacio García polo seu traballo ‘Xeomorfoloxía fluvial en sistemas atlánticos: metodoloxía de caracterización, clasificación e restauración para os ríos de Galicia’. Un xurado integrado por representantes de sete universidades españolas outorgoulle este recoñecemento tendo en conta “o interese do tema e o rigor na aplicación da formulación metodolóxica do mesmo”. Jesús Horario García recibirá o premio o 30 de outubro en Zaragoza no transcursos do XXIV Congreso da Asociación de Xeógrafos Españois. Como explica o investigador, a xeomorfoloxía fluvial –como ciencia encargada do estudo das interaccións entre as formas e os procesos do río (erosión, transporte e sedimentación)- “ converteuse nunha disciplina moi útil para a valoración, ordenamento, conservación e mellora dun sistemas fluviais moi ameazados, sometidos a importantes presións nos países desenvolvidos”. O traballo de investigación agora premiado propuxo un gran protocolo de actuación co obxectivo principal de analizar tanto a diversidade como o estado actual dos sistemas fluviais atlánticos (con especial atención da Galicia) dende variables e parámetros xeomorfolóxicos e hidrolóxicos e na liña de aplicación dos novos paradigmas de conservación e rehabilitación derivados da Directiva 2000/60/CE, aquela que establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas. O investigador sinala que o protocolo concibiuse coma unha potente ferramenta para explicar a complexidade da paisaxe fluvial e os efectos da cunca vertente sobre a ecoloxía do río. Neste senso, engade, mediante a aplicación do protocolo foi posible predicir e cuantificar o comportamento do río e propoñer medidas encamiñadas a mellorar o seu estado xeomorfolóxico e ecolóxico. Jesús Horario García realizou a súa tese de doutoramento no Departamento de Xeografía da USC ao abeiro dun contrato de investigación e docencia do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 coa cualificación do sobresaliente cum laude. Os seus directores foron os profesores Augusto Pérez Alberti, da USC, e Alfredo Ollero Ojeda, da Universidade de Zaragoza.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.08.2015.