Ir o contido principal

Unha investigadora da USC propón incrementar a potencialidade turística de Combarro coa posta en valor do seu patrimonio histórico-artístico

Unha investigadora da USC propón incrementar a potencialidade turística de Combarro coa posta en valor do seu patrimonio histórico-artístico
Unha investigadora da USC propón incrementar a potencialidade turística de Combarro coa posta en valor do seu patrimonio histórico-artístico
Por este traballo Ana Mesía fíxose cun dos premios provinciais de investigación da Deputación de Pontevedra

A capacidade de atracción de visitantes de Combarro sería moito máis alta da que ofrece hoxe se se prestase atención á súa singularidade e á complementariedade cos recursos turísticos que ofrece o seu contorno, a área de Pontevedra, que poden empregarse para establecer accións conxuntas e atraer novos segmentos turísticos. Esta análise valeulle á investigadora Ana Mesía, licenciada en Historia da Arte pola USC, o premio provincial de investigación da Deputación de Pontevedra de 2009 na categoría de tese de licenciatura e proxecto fin de carreira sobre Humanidades e Ciencias Sociais. O estudo ‘O potencial turístico dos conxuntos históricos. Unha proposta para Combarro’ é o resultado do traballo de fin do Máster en Dirección e Planificación do Turismo da USC. Actualmente Ana Mesía forma parte do grupo de investigación Iacobus ‘Proxectos e estudos sobre patrimonio cultural’ no que está a traballar sobre a creación do mapa de recursos patrimoniais dos cascos históricos medios de Galicia. O que a investigadora formula no estudo, antesala da súa futura tese de doutoramento que baixo a dirección do profesor Juan Monterroso profundará no potencial turístico dos conxuntos históricos, é unha nova dimensión do turismo “para explotalo máis e mellor”. A grande importancia que está adquirindo o turismo cultural fai que as cidades históricas esperten un novo interese, sendo cada vez máis apreciadas como elementos positivos para a conservación do patrimonio porque pode captar os seus aspectos económicos e aproveitalos para a súa comercialización turística. Deste xeito, explica, aparece unha corrente de dobre sentido “que atrae visitantes e xera fondos que, á súa vez, redundan na conservación do patrimonio visitado”. No caso concreto de Combarro, un conxunto histórico de reducidas dimensións emprazado na zona turística máis importante de Galicia, realizouse un estudo dos elementos físicos que caracterizan a trama urbana e a paisaxe e dos aspectos relacionados coa percepción do espazo que condicionan aos visitantes.

A partir de aí deseñáronse dous modelos de zonificación para crear unha rexión turística a partir dun conxunto histórico coa finalidade de que as propostas poidan ser aplicables a calquera cidade histórica. Ademais, definíronse indicadores de presión turística e de avaliación do estado de conservación da cidade histórica capaces de axudar á conservación do conxunto histórico e ao deseño de accións de mellora da experiencia turística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2010.