Os investigadores do iMATUS María Vivero e Xián Farto gañan o ‘Julia Polak European Doctorate Award’

Os investigadores María Vivero López e Xián Farto Vaamonde do grupo I+DFarma, adscritos ao Instituto de Materiais da USC (iMATUS), acaban de recibir o premio europeo de doutoramento Julia Polak no transcurso da edición número 33 do Congreso Anual da Sociedade Europea de Biomateriais que se desenvolveu en Davos, Suíza. O galardón recoñece aquelas teses de doutoramento que acreditan un alto nivel de formación do investigador/a no eido dos biomateriais e a enxeñaría de tecidos e que teñan xerado resultados científicos publicados en revistas de elevado índice de impacto.
Ambas as teses foron levadas a cabo ao abeiro de axudas predoutorais da Xunta de Galicia baixo a dirección de Carmen Álvarez Lorenzo e Ángel Concheiro Nine da Facultade de Farmacia e do iMATUS da USC. A tese de María Vivero López centrouse no desenvolvemento de técnicas para cargar substancias activas en produtos sanitarios. Concretamente, explorou distintos enfoques para dotar audiófonos e lentes de contacto con capacidade para cargar e ceder de forma sostida substancias capaces de prever a formación de biofilmes bacterianos ou tratar infeccións xa establecidas. Parte do seu traballo desenvolveuse en colaboración co Instituto Superior Técnico de Lisboa (Portugal).
A tese de Xián Farto Vaamonde centrouse, pola súa parte, na impresión 3D de scaffolds (estruturas de soporte) para rexeneración de tecidos. O investigador desenvolveu por primeira vez procedementos para incorporar varios fármacos, cada un deles nunha zona específica do scaffold, e acadar perfiles de cesión personalizados segundo necesidades terapéuticas. Farto Vaamonde levou a cabo unha estadía na RWTH Aachen University (Alemaña).