Investigadores italianos colaboran na EPS en experimentos sobre métodos de clasificación non destrutivos para a madeira de castiñeiro

As instalacións da Plataforma de Enxeñaría da Madeira (PEMADE), pertencentes á Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) e emprazadas na Escola Politécnica Superior, están a ser estes días laboratorio para a caracterización de vigas de gran escuadría de castiñeiro de procedencia galega a través de métodos non destrutivos. Estas tarefas realízanse no marco dunha colaboración entre investigadores do CIS Madeira e outros do grupo italiano IVALSA, dependente do Consello Nacional de Investigación dese país, e coordinados polo catedrático de Estruturas e investigador da Unidade de Xestión Forestal Sostible da USC, Manuel Guaita. Mediante a utilización de equipos de última xeración, tanto Guaita como Óscar Santaclara e Esther Merlo, ambos do Centro de Innovación e Servizos da Madeira (CIS), traballarán deica este mércores man a man con Michele Brunetti e Michela Nocetti, responsables dos traballos de normalización de castiñeiro en Italia, un obxectivo por acadar aínda en España. IVALSA é un centro de prestixio internacional dedicado ao estudo da madeira para a construción e a rehabilitación. Para Guaita, o feito de aproveitar a posta en común dos resultados de caracterización do castiñeiro que se está a realizar dende a EPS, é unha experiencia moi interesante pensando en coñecer as propiedades para incorporar o castiñeiro á norma que regula o cálculo das estruturas de madeira no Código Técnico de Edificación. As técnicas non destrutivas para predicir a resistencia deste material son o eixo central das investigacións puntuais desenvolvidas estes días en colaboración cos investigadores italianos. Trátase de experimentar a eficacia dos métodos de obtención de valores de rixidez e resistencia da madeira sen necesidade de rompela. Pola súa parte, Michele Bruneti, que visita por terceira vez a EPS, manifesta que Galicia e Italia comparten a problemática de atopar métodos de clasificación para a madeira de castiñeiro destinada á construción. Este material, opina, ten un gran futuro en ambas rexións, ricas nesta especie, polas vantaxes que comporta á hora de edificar ou rehabilitar inmobles. Brunetti salienta entre as vantaxes da madeira do castiñeiro está o feito de que se trata dun material natural e reciclable. Explica que os tempos de edificación, sobre todo na obra pública, fan que se busquen estes métodos eficientes para a clasificación da madeira.