Ir o contido principal

Investigadores da USC acaparan os premios de Investigación 2010 da Real Academia Galega de Ciencias

O Premio de Investigación 2010 e o de investigadores mozos da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) foron parar ambos os dous a investigadores da USC. No primeiro caso, o traballo científico galardoado co Premio de Investigación 2010 abre unha vía alternativa aos tratamentos con antibióticos e aos problemas que se derivan do seu uso na loita contra as bacterias que provocan infeccións nos seres humanos e tamén noutras especies animais. Trátase da liña de investigación de Ana Mª Otero e Manuel Romero, do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC. A RAGC tamén deu a coñecer o seu ditame sobre o Premio 2010 de investigadores novos, concedido a un proxecto que desvela novos factores para que as predicións meteorolóxicas e climáticas sobre a Península Ibérica sexan realmente fiables. Lucia Gestal, Alberto Martínez e Alexandre Ríos, do Departamento de Física da Materia Condensada, son os promotores do premio na súa categoría para investigadores menos de 28 anos. Antibióticos No seu proxecto ‘Interceptación de sinais de comunicación bacteriana en bacterias illadas do medio mariño’, Ana Mª Otero e Manuel Romero propoñen unha vía alternativa á eliminación dos patóxenos mediante antibióticos: actuar sobre os procesos de comunicación que establecen entre eles para organizarse e atacar, desactivando así as posibilidades que teñen de infectar o organismo e permitindo que sexan eliminados polas defensas naturais do corpo. Esta investigación, segundo explicaron os autores do traballo, é un exemplo de traballo de ciencia básica que, aínda sen dar lugar a resultados de aplicación práctica directa, é portador dun elevado potencial tecnolóxico para a industria farmacéutica. As bacterias non actúan de maneira illada senón que se sabe que comunican a súa presenza ás demais usando pequenas moléculas denominadas sinais de quorum, explicaron os investigadores. Isto dálles a capacidade de detectar a densidade de poboación total e determinar se é a suficiente para provocar unha infección do organismo no que se atopan. A conduta de ataque das bacterias aseméllase así á dun exército ben organizado, engaden Ana Mª Otero e Manuel Romero: ata que están seguras de que hai suficientes soldados para ter éxito na batalla, non atacan. Este proceso denomínase ‘quorum sensing’, o que podería traducirse por ‘percepción de quorum’, sen o cal non activan a súa patoxeneidade para superar as barreiras defensivas do hóspede e provocar a infección. Normalmente, un proceso infeccioso combátese mediante o uso de antibióticos, que actúan tratando de destruír as bacterias patóxenas. Esta estratexia desemboca con frecuencia en que os patóxenos son capaces de xerar resistencia e, polo tanto, os antibióticos deixan de ser efectivos. Ademais, está comprobado que estes medicamentos poden alterar a flora intestinal. Ante estas circunstancias, a proposta de alternativas aos tratamentos con antibióticos ofrece moitas vantaxes, nun momento ademais no que está constatado o habitual abuso deles por parte da poboación. Segundo puxeron de manifesto os responsables da liña de investigación, a nova estratexia para loitar contra a infección consiste en impedir o ‘quorum sensing’ destruíndo os sinais que posibilitan a comunicación entre as bacterias. Estes mecanismos de interceptación da comunicación bacteriana chámanse de forma xenérica ‘quorum quenching’ e teñen a vantaxe de que, ao non actuar directamente sobre os patóxenos, evítanse os fenómenos de resistencia. Atenuando a capacidade infecciosa destas bacterias posibilitaríase que estas fosen eliminadas polas defensas naturais do corpo. Aínda cando a estratexia descrita no traballo é de tipo xeral e pode aplicarse a calquera ser vivo, a investigación galardoada centrouse na busca de bacterias mariñas con actividade quorum quenching que poidan ser utilizadas no control das infeccións dos peixes, e polo tanto na industria da acuicultura, cun alto risco de infeccións pola elevada densidade de poboación que se concentra nas granxas. Dado que o uso de antibióticos está practicamente prohibido na cría de peixes, a estratexia de quorum quenching revélase como una interesante opción para atallar o problema. Os científicos da USC atoparon 19 bacterias no mar capaces de inactivar un amplo espectro de sinais de quorum e polo tanto con potencial para ser utilizadas para inhibir a comunicación nun gran número de patóxenos, o que abre a porta a terapias alternativas aos antibióticos cunha acción menos agresiva sobre a saúde do ser vivo e sobre o medio ambiente. Dúas destas cepas xa foron patentadas pola USC co patrocinio da Fundación Genoma España. Na actualidade, o grupo de investigación está centrando os seus esforzos en clonar os xenes responsables desta actividade para ampliar o abano de aplicacións biotecnolóxicas destas cepas. Investigadores novos Lucía Gestal Souto, Alberto Martínez de la Torre e Alexandre Ríos Entenza, do Departamento Física da Materia Condensada da USC, fixéronse co Premio de Investigación 2010 investigadores novos, para menores de 28 anos, co traballo ‘O papel das augas freáticas nas interraccións terra-atmósfera, no clima e no réxime pluviométrico da Península Ibérica’. O proxecto premiado investiga o papel das augas subterráneas, un factor ata o de agora ignorado nos estudos sobre a dinámica das precipitacións e a súa repercusión no clima. O traballo deste equipo da USC, centrado sobre a Península Ibérica, desvela que a infiltración e almacenamento de augas no subsolo provoca, como resultado das interaccións entre a terra e a atmosfera, un grao maior de incidencia das precipitacións. Neste senso, incorporar a dinámica das augas subterráneas aos modelos meteorolóxicos e climáticos permitirá mellorar a fiabilidade das predicións meteorolóxicas e climáticas, en particular no relativo á precipitación no interior da Península Ibérica. Esta precipitación ‘extra’ debida á reciclaxe de humidade nos procesos terra-atmosfera acada na primavera valores superiores ao 20% en áreas coma a Meseta Sur, a zona central da Península e a área do Levante, resultando ser da mesma orde que o descenso que se espera nas precipitacións como consecuencia do cambio climático sobre a Península Ibérica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2010.