Investigadores da USC definen un índice de biorreceptividade que calcula o risco de colonización biolóxica das rochas graníticas
A USC desenvolve un índice de biorreceptividade que posibilita calcular o risco de colonización biolóxica das rochas graníticas e que se antolla como unha ferramenta de utilidade na selección dos granitos máis axeitados para empregar en construción ou como revestimento. Esta nova achega científica é un dos resultados da tese de doutoramento ‘Biorreceptividade primaria de rochas graníticas e biofilms fototróficos. Desenvolvemento dun índice de biorreceptividade’, unha investigación realizada por Daniel Vázquez Nion e dirixida polas profesoras do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Beatriz Prieto Lamas e Benita Silva Hermo na USC. A definición dun índice de biorreceptividade, isto é un parámetro que permita clasificar as rochas graníticas en función da maior ou menor susceptibilidade para seren colonizadas por organismos e microorganismos centrou o obxectivo prioritario desta investigación de doutoramento, cuxo autor pretende que esta nova ferramenta de clasificación pase a formar parte dos catálogos de granitos ornamentais e sirva de axuda á hora de seleccionar a rocha máis adecuada para construción ou revestimento. As posibilidades que ofrece o índice de biorreceptividade deseñado resulta relevante en tanto que un dos principais problemas para o mantemento do patrimonio monumental, e tamén das novas edificacións, responde a causas de colonización biolóxica. Daniel Vázquez Nion demostrou na súa investigación de doutoramento que existe unha relación directa entre a biorreceptividade dos granitos e as súas propiedades hídricas, tales como a porosidade e a capilaridade, así como unha forte influencia do acabado superficial sobre esta propiedade. A partir dos resultados obtidos en pescudas previdas, o investigador da USC establece unha metodoloxía para o cálculo do índice de biorreceptividade. Neste novo parámetro, Vázquez Nion inclúe a caracterización das comunidades microbianas presentes nas fachadas da cidade de Santiago de Compostela, o desenvolvemento de cultivos multiespecie a partires destes biofilms naturais e a definición dun protocolo experimental para determinar a biorreceptividade das rochas en laboratorio. Deste xeito, foi posible elaborar unha escala para a clasificación das rochas graníticas en función da súa susceptibilidade á colonización biolóxica, a cal poderá ser empregada polos usuarios finais (arquitectos, restauradores, enxeñeiros, etc.) como unha ferramenta para a selección adecuada de materiais de construción tendo en conta criterios de duración. Tribunal da tese A investigadora do Instituto de Recursos Naturais e Agrobioloxía de Sevilla (IRNAS-CSIC) Ana Miller, presidiu o tribunal da tese, do que tamén formaron parte a profesora da Universidade de Vigo Graciela Paz Bermúdez e a investigadora da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito Nuria Sánchez Delgado. A tese mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.