Ir o contido principal

Investigadores veterinarios constatan unha alta presenza de fasciolose animal e humana en granxas do Perú

Trátase dunha enfermidade parasitaria que afecta ao fígado do gando e que se pode transmitir ás persoas

O grupo de investigación de Parasitoloxía da USC constatou unha elevada presenza de fasciolose na cidade peruana de Cajamarca, onde esta enfermidade parasitaria que afecta ao fígado se detectou en máis do 80% do gando vacún así como en humanos, particularmente en nenos.
Os resultados da investigación presentáronos no transcurso do primeiro Simposio Internacional sobre Fasciolose Animal e Humana que tivo lugar en Perú. Nesa cita, o equipo de investigadores formado polos profesores de Veterinaria da USC Pablo Díez, María Morrondo, Rita Sanchez e Adolfo Paz tivo a oportunidade de expor e intercambiar os seus estudos e experiencias persoais, desenvolvidas durante máis de 20 anos de investigación.
O encontro científico no país americano quere ser un punto de intercambio de coñecementos e experiencias con prestixiosos especialistas peruanos e doutros países dese continente e de Europa coa idea de chegar a estratexias para o mellor control desta parasitose, que ten un enorme impacto na saúde pública e nos rendementos económicos dos gandeiros desta rexión do Perú.
CajamarcaA rexión de Cajamarca ten, curiosamente, unha enorme similitude con Galicia respecto das condicións climáticas que propician a presenza frecuente de fasciolose nos seus efectivos gandeiros e tamén entre a poboación.
“Son varias as causas desta situación tan desastrosa”, indica Pablo Díez, entre as que cabe citar, á parte das altas porcentaxes de parasitación dos animais, “algúns costumes culinarios que contribúen directamente á infección das persoas”, como é o caso do consumo habitual de emolientes aos que se lles engade alfalfa, así como “a toma directa de auga das canles de rega, onde se atopan numerosas fases infectantes do parásito (metacercarias)”.
GaliciaActualmente a fasciolose segue estando presente en Galicia, pero nos últimos anos logrouse reducir de xeito moi apreciable a súa incidencia, grazas ás medidas de control integrado que se veñen aplicando na maioría das granxas.
Os estudos e investigacións do grupo de investigación de Parasitoloxía e Enfermidades Parasitarias do Departamento de Patoloxía Animal do Campus de Lugo están relacionados con métodos de diagnóstico directo e indirecto, con aplicacións de tratamentos e a súa eficacia, así como coa posta en marcha de medidas de control integrado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.04.2009.