Jorge Mira presentoulle á Comisión Europea o Programa ConCiencia e analizou vías de financiamento á divulgación científica
O profesor e investigador da USC Jorge Mira atópase estes días en Bruxelas convidado pola Fundación Galicia Europa co obxectivo de coñecer de preto o funcionamento das institucións comunitarias no eido da ciencia e a innovación. Ademais, participou no segundo Debate Galicia Europa en Bruxelas, foro de intercambio de ideas da rede de galegos que traballan na UE. Mira mantivo un encontro coa xefa da Unidade de Cultura Científica da Comisión Europea, Luisa Prista, no que estivo acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. Na xuntanza, o profesor presentoulle o Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago, que este ano conta co apoio do Xacobeo 2010. Con este programa foi posible traer a Galicia a 19 persoas distinguidas co Premio Nobel ou o equivalente en Matemáticas e Ciencias da Computación. O Programa ConCiencia concede ademais os Premios Fonseca, que se outorgan a grandes figuras da comunicación e divulgación científica, como Stephen Hawking no 2008, James Lovelock no 2009 ou, proximamente, David Attenborough. Ao remate, Jorge Mira valorou moi positivamente este encontro “xa que me abre unhas portas que para min eran absolutamente descoñecidas”. “Ao mesmo tempo –dixo- detrás desas portas atopo varias posibles vías de proxección de ideas. A labor da Fundación Galicia Europa é esencial como tradutores e enlaces do xigante da estrutura da UE cara aos intereses particulares de Galicia". Debate Galicia Europa A Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolleu o segundo Debate Galicia Europa, con Jorge Mira como convidado de honra. O profesor compostelán ofreceu alí as claves do Programa ConCiencia, que pretende achegar a ciencia aos cidadáns empregando a comunicación como ferramenta e crear así unha rede forte de excelencia científica en Galicia. O físico galego respondeu tamén ás cuestións expostas polos asistentes, na meirande parte galegos afincados en Bruxelas que traballan na UE ou teñen contacto directo coas institucións comunitarias.