José Antonio Caride, nomeado Vogal Académico do Pleno da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora
O catedrático da USC José Antonio Caride acaba de ser nomeado Vogal Académico do Pleno da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CENEAI), pasando a formar parte do Pleno deste órgano da Axencia Nacional da Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) responsable de realizar a avaliación da actividade investigadora a efectos do recoñecemento dos correspondentes complementos retributivos.
Caride é autor de máis de 400 publicacións en libros, monografías e revistas especializadas, alén de coordinar o grupo de investigación da USC en Pedagoxía Social e Educación Ambiental. Os seus proxectos de investigación teñen abordado os tempos escolares e os tempos de ocio na vida cotiá da infancia e a adolescencia, así como os procesos de conciliación da escola, a vida familiar e laboral. Entre outros recoñecementos, no ano 2004, en Chile, foille concedida a Orde ao Mérito Institucional do Consello Mundial da Educación. O seu artigo ‘Lo que el tiempo esconde, o cuando lo social necesita de la pedagogía’ foi recoñecido como mellor artigo publicado en castelán, ao longo de 2018, en revistas científicas do eido da Educación.