Ir o contido principal

Literatura e vivencias persoais centran a relación epistolar entre Valente e Aleixandre durante 28 anos, salienta Ruth Fernández

Ruth Fernández Fernández é a autora da tese
Ruth Fernández Fernández é a autora da tese
A investigación de doutoramento ‘Edición do epistolario de Vicente Aleixandre a José Ángel Valente: transcrición e anotación’ desenvolvida pola titulada en Filoloxía Hispánica na Facultade de Humanidades da USC baixo a dirección de Claudio Rodríguez Fer aborda tamén os cambios intelectuais experimentados por ambos autores
Lugo, Santiago de Compostela

Literatura e vivencias persoais ou biográficas centran a temática de boa parte da relación epistolar que mantiveron José Ángel Valente e Vicente Aleixandre ao longo de preto de tres décadas de amizade, entre 1954 e 1982, segundo conclúe a filóloga Ruth Fernández Fernández na tese de doutoramento ‘Edición do epistolario de Vicente Aleixandre a José Ángel Valente: transcrición e anotación’, dirixida polo poeta e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, Claudio Rodríguez Fer.

A investigación desenvolvida por esta titulada en Filoloxía Hispánica na Facultade de Humanidades de Lugo, mergúllase na análise da relación persoal e literaria entre Vicente Aleixandre, poeta do grupo do 27 e Premio Nobel, e José Ángel Valente, poeta máis novo pero tan amigo do anterior que ata lle pediu que fose padriño da súa filla máis cativa. 

Nas súas conclusións, a luguesa Ruth Fernández, salienta que, “despois da literatura e da análise das cartas que conforman este epistolario, obsérvase que a temática máis reiterada é a relacionada directa ou indirectamente coa literatura, coa edición de textos, a lectura compartida de poemas nas xuntanzas celebradas na casa de Vicente Aleixandre ou en actos públicos e as vicisitudes que arrodean o feito en si da publicación dos diferentes textos aos que se fai referencia”. “As cuestións biográficas, como non podía ser doutro xeito, dada a fonda amizade que mantiveron os dous escritores durante un longo período de tempo”, constitúe outra das cuestións capitais da temática desta relación epistolar, engade a investigadora.

A investigación de doutoramento presentada por Ruth Fernández na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, non só se centra no relativo ás experiencias persoais, senón que permite albiscar “desde a mira dunha pequena pechadura os grandes cambios que experimentan intelectualmente Aleixandre e Valente, así como a súa grande evolución como escritores ao longo destas preto de tres décadas”, sinala.

O epistolario entre Aleixandre e Valente comeza en 1954 e a última tarxeta postal que o poeta do 27 remite a Valente data de 1982, precisa a investigadora, para, de seguido, engadir que “pasaron case 30 anos”. “Neste tempo muda o pensamento, cambian as ideas, evolucionan como poetas... Esta transformación faise especialmente notable no caso do poeta galego, sobre todo despois de que na súa mocidade marchara a Oxford ao pouco de iniciar este epistolario. De feito, Aleixandre é testemuña do crecemento de Valente como home e como poeta, unha realidade á que se refire acotío na correspondencia que conforma o corpus presentado.

Tribunal de tese e cualificación

A catedrática emérita da Universidade Complutense de Madrid Fanny Rubio presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese sobre a relación epistolar entre Valente e Aleixandre, un comité do que tamén formaron parte a doutora e exdirectora da Facultade Valente da Universidade de Almería, Isabel Giménez Caro, e o tamén catedrático emérito da USC José Manuel González Herrán, quen actuou como secretario. Logo de asistir á presentación, o tribunal acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada por Ruth Fernández Fernández.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2023.