Lourdes Batán Aira incorpórase ao seu posto de xerenta da Universidade de Santiago

A nova xerenta da Universidade de Santiago, Lourdes Batán Aira, incorporouse este venres 16 ao seu novo posto de traballo en substitución de Dulce Mª García Mella, que continuará transitoriamente vinculada á Xerencia para posibilitar o traspaso de responsabilidades.
Ademais, a Reitoría solicitoulles aos actuais vicexerentes -de área económica e do Campus de Lugo e de xestión académica- que permanezan neses postos en tanto non se configure a nova estrutura de Xerencia.
Lourdes Batán
Licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense, Lourdes Batán acadou en 1985 a condición de funcionaria de carreira do grupo A (hoxe A1) do Ministerio de Administracións Públicas.
Entre 1985 e 1992 desempeñou postos de traballo de secretaria xeral ou secretaria-interventora en distintos concellos e mancomunidades de Galicia. Xa en outubro de 1992 incorpórase á Xunta de Galicia, inicialmente á Consellaría de Agricultura, Gandería e Montes e posteriormente á de Medio Ambiente, para desempeñar o cargo de subdirectora xeral de Persoal e Coordinación Administrativa, actualmente de Persoal e Xestión Económica.
A súa experiencia profesional completouna ao longo de todos estes anos cunha extensa formación superior complementaria. Así, posúe entre outros o Máster de Recursos Humanos da USC e o Icade, o Diploma de Directivos da EGAP e o Curso Superior en Relacións Laborais da USC.
Lourdes Batán Aira