Ir o contido principal

Lugo acolle a finais de mes a asemblea xeral da Federación Panamericana de Leitería

Por primeira vez na súa historia a Federación Panamericana de Leitería (Fepale) desprázase fóra de América para celebrar a súa asemblea xeral, e farao a finais de mes en Lugo organizado polo Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia. Concretamente a súa décimo oitava xuntanza xeral anual terá lugar na Aula de Produtos Lácteos entre os días 26 e 29. A reunión, que contempla unhas xornadas técnicas, servirá para que os socios amplíen os seus coñecementos sobre a leitería europea á vez que establezan contractos con España e Portugal na busca de sinerxias. Para favorecer estes encontros todas as sesións serán abertas ao público. Entre as cuestións a tratar figuran unha análise sobre a complementariedade ou competencia das marcas brancas e as propias, a estrutura e perspectivas do sector lácteo en ambos os dous continentes e un estudo pormenorizado da situación actual en cada país participante. Nestas xornadas participarán asistentes e conferenciantes de primeira orde pertencentes a moi diversos ámbitos como o académico, as patronais de industrias lácteas da práctica totalidade de Latinoamérica, líderes empresariais e do sector primario e empresarios da Eurorrexión. Workshop lácteo Paralelamente celebrarase o día 26 o workshop ‘Formación e i+D no
sector lácteo’
que contará con dúas mesas de traballo sobre formación e investigación. Participarán nel investigadores dos centros da Rede de Innovación Alimentaria Norte de Portugal-Galicia (REAL) que organiza o encontro ademais de técnicos de empresas do sector. As necesidades formativas dos traballadores, a formación en América latina, os estudos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, a teleformación, o Máster en Industria e Economía Leiteira, as recentes investigacións realizadas en Brasil, as relacións entre a empresa e os centros científicos e as necesidades e oportunidades da investigación no sector son algúns dos asuntos a tratar nesta xornada de traballo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2010.