O luns comezan nove cursos da Universidade de Verán da USC
A programación de cursos da Universidade de Verán continúa a vindeira semana co desenvolvemento de 15 novos espallados por toda a xeografía galega, dos que un total de nove se inaugurarán este luns 14. Campus de Santiago En Compostela inaugurarase ás 9.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía Historia das historias de Galicia, con Isidro Dubert como director. Nel ofrecerase o por que das distintas visións e historias que hoxe en día existen e circulan en Galicia sobre os fitos más salientables do seu pasado. Á mesma hora na Aula 3 do Aulario Novoa Santos comezará o curso Stem cells in health and sisease, dirixido por Manuel Collado e Anxo Vidal e no que se abordarán os coñecementos básicos e os últimos achádeos na bioloxía das células nai embrionarias, adultas, así como nas células nai de pluripotencia inducida. Xa ás 9.30 na Aula Magna da Facultade de Química inaugurarase o curso O medio ambiente en Galicia, a sétima edición dun encontro que pretende analizar o estado actual da cuestión medioambiental en Galicia desde un punto de vista multidisciplinar (contaminación, cambio climático, xestión e remedación de impactos -incendios, contaminación das augas, residuos-, lexislación e economía medioambiental, novas enerxías, crecemento sostible, educación medioambiental...). Tamén o luns, ás 10.00 horas na Facultade de Dereito, dará comezo, dirixido por Carlos Teijo, o curso Cuestións actuais sobre dereitos humanos, o primeiro de verán da Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC no que especialistas de recoñecido prestixio debaterán sobre os límites e as potencialidades que atopa na actualidade a aplicación das normas relativas á tutela dos dereitos humanos. A esa hora pero na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais inaugurarase Avaliación e financiamento de novos proxectos que dirixe Loreto Fernández. Entre os contidos figuran a xeración de ideas que poidan converterse en potenciais negocios, o deseño de modelos de negocio, a elaboración de plans de empresa e a avaliación económico-financeira de proxectos. Campus de Lugo Preto de medio centenar de persoas participarán a partir do luns nos tres cursos estivais programados para o Campus de Lugo e que se desenvolverán no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural e na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, así como na Casa da Cultura da Pastoriza. O seminario estival ‘ Xestión e conservación de humidais no marco da estratexia da Unión Europea sobre a biodiversidade’, dirixido por Ramón Alberto Díaz Varela, comezará o luns, a partir das 10.00 horas, na sede do Ibader, cunha presentación da estratexia europea 2020, a cargo do director do programa. A empresa familiar, a súa natureza e as actividades que están a desenvolver na actual conxuntura de crise económica e financeira será o epicentro das distintas sesións programadas no marco do curso ‘ A empresa familiar como factor clave para superar a crise económica’. Este programa, promovido pola Cátedra de Empresa Familiar da USC e dirixido por Begoña Barreiro, comezará a desenvolverse a partir das 9.30 horas, no salón de graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. Fóra do Campus Tamén o Concello de A Pastoriza acubillará a semana que vén o curso de verán ‘ Innovación tecnolóxica nas explotacións gandeiras’, un seminario estival dirixido polo profesor Javier Bueno Lema. As distintas sesións expositivas e actividades prácticas programadas no marco deste curso desenvolveranse do 14 ao 19 de xullo en quenda de tarde, agás a última xornada, na Casa da Cultura do concello de A Pastoriza. En Vilanova de Arousa terá lugar no Pazo de Vista Real o titulado Arte, historia, xeografía e cultura na comarca do Salnés, que dirixen Mª Dolores Barral Rivadulla e Marta Cendón Fernández co propósito de dar a coñecer a extensa cultura da comarca do Salnés e a súa importancia dentro da historia da comunidade. A inauguración será ás 9.30 horas. Resto da semana Xa o martes 15 en Santiago inauguraranse Soberanía(s): corpo, hábitos, territorios e Un ano de conflitos xurídicos: da doutrina Parot ao caso Prestige. As VII leccións Xacobeas Internacionais na USC: A tradición da peregrinación de San Francisco a Santiago de Compostela serán do 16 ao 19. Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: Qué facer coas violencias desde a educación de xénero? é o título do que se desenvolverá en Lalín dende o día 15, data na que tamén comeza o que terá lugar en Nigrán sobre Creación musical e Music Business. O mércores 16 iniciaranse un máis, en Guitiriz: Territorio e paisaxe.