Ir o contido principal

Marco Baleato gaña a quinta edición do Premio ao Mellor Traballo Fin de Mestrado de DXC Technology

Marcos Baleato, co diploma acreditativo, acompañado polo seu titor Pablo Lombao (esquerda) e o representante de DXC, Adolfo Sanz
Marcos Baleato, co diploma acreditativo, acompañado polo seu titor Pablo Lombao (esquerda) e o representante de DXC, Adolfo Sanz
Alumno do Mestrado en Tecnoloxía de Análise de Datos Masivos (Big Data), traballa sobre a detección de anomalías en sensores industriais en tempo real

O estudante do mestrado en Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos (Big Data) Marco Baleato acaba de ser recoñecido na quinta edición do Premio ao Mellor TFM concedido por DXC Technology. O traballo premiado leva por título ‘Aproximación á detección de anomalías en sensores industriais en tempo real usando técnicas de análise avanzada’. Tutelado por Pablo Lombao, enxeñeiro da empresa FINSA, consistiu no desenvolvemento dunha metodoloxía de detección de anomalías en sensores industriais. Grazas a este proxecto, FINSA dispón dunha aproximación alternativa a un dos sensores clave da liña, tanto a nivel operativo como analítico, o que lle permite identificar oportunidades de mellora nunha das principais liñas de traballo e na dixitalización da fábrica.

Segundo Marco Baleato, “a maior dificultade do proxecto foi a análise dos datos de fábrica debido á súa complexidade, pero as visitas ás instalacións e a axuda do persoal experto permitiron construír un conxunto de datos de adestramento de calidade”. Pola súa banda, Pablo Lombao, titor do traballo, destacou a importancia da detección de anomalías na liña de produción pola súa incidencia na mellora da “fiabilidade das predicións e recomendacións dos sistemas analíticos”.  A entrega do premio realizarase no marco do Día da Escola de Enxeñería Técnica (ETSE) o vindeiro mes de abril.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2023.