Ir o contido principal

María José Alonso, primeira muller premiada co Founders Award da Controlled Release Society

Imaxe recente de María José Alonso, nova presidenta da CRS
Imaxe recente de María José Alonso, nova presidenta da CRS
Está considera a sociedade científica máis relevante do mundo en sistemas de liberación de fármacos e nanomedicina

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso acaba de recibir o prestixioso premio Founders Award, a máis alta distinción que outorga a Controlled Release Society (CRS), considerada a sociedade científica máis relevante do mundo en sistemas de liberación de fármacos e nanomedicina. A entrega deste recoñecemento celebrouse esta pasada fin de semana en New York durante o encontro anual da CRS, no que a profesora Alonso tamén toma posesión como presidenta da mesma sociedade.

A Controlled Release Society concede o seu Founders Award anualmente a un dos seus membros recoñecidos internacionalmente polas súas sobresalientes contribucións á ciencia e á tecnoloxía no ámbito da liberación controlada. María José Alonso convértese na primeira muller que recibe o recoñecemento a súa destacada carreira investigadora e incorpórase a unha lista que integran outros 36 científicos dende a instauración do premio en 1982.

College of fellows
Ademais deste recoñecemento, Alonso foi dobremente distinguido pola CRS ao elixila membro do seu College of Fellows, o máis alto grao dentro do CRS, ao que pertences so 102 especialistas de todo o mundo. O College of Fellows recoñece aos membros do CRS que teñan destacado polas súa achegas científicas durante un mínimo de dez anos.

Traxectoria investigadora
O da CRS é o terceiro gran recoñecemento internacional que suma a catedrática da USC en datas recentes, logo de ter sido elixida membro da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos e do prestixio ‘College of Fellows’ do American Institute for Medical and Biological Engineering de Estados Unidos (AIMBE). O laboratorio da profesora Alonso na USC foi pioneiro en numerosos descubrimentos en tecnoloxía nanofarmacéutica. Ademais, foi coordinadora de varios consorcios de investigación internacionais pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Fundación Gates e a Comisión Europea. Actualmente participa en sete proxectos internacionais, cinco deles financiados pola Comisión Europea.

É autora de máis de 260 publicacións científicas con máis de 15.300 citas (factor h 69) e inventora de 20 familias de patentes. A calidade dos seus traballos científicos levouna a situarse no ‘Top ten’ dos investigadores en Farmacoloxía e nivel mundial segundo o ránking internacional Times Higher Education (Thomson Reuters 2010). Ademais é parte do consello editorial de once revistas científicas e entre 2006 e 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. En 2011 asesorou ao Ministerio de Ciencia e Innovación para a elaboración da lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación e formou parte do consello asesora do Ministerio de Sanidade.

Ao longo da súa carreira ten recibido numerosos premios entre os que destacan o Rei Jaume I de Novas Tecnoloxías, o Maurice Marie Janot, o Novoa Santos, o María Josefa Wonenburger e, moi recentemente, a Medalla Castelao. Ademais, é membro de tres academias en España: Real Academia Nacional de Farmacia, Real Academia Galega de Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2018.