Medicina acolleu un ano máis o evento de divulgación sobre células nai máis importante de Europa
Preto de 350 alumnos e profesorado de diferentes centros educativos de Santiago déronse cita este venres 15 na Facultade de Medicina da USC na xornada Unistem Day 2019, o evento de divulgación sobre células nai máis importante de Europa e que, por sétimo ano consecutivo, organiza en Santiago o grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da enfermidade de Parkinson da USC. O evento celebrouse de xeito simultáneo para 30.000 estudantes de toda Europa coordinado pola Universidade de Milán coa vontade de achegar a ciencia á xente máis nova e espertar o súa interese pola investigación a través das células nai. Este ano o seu lema é 'Coñecemento e innovación: a viaxe interminable da investigación en células nai'.
A inauguración oficial do encontro contou coa presenza do vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; do decano do centro, Julián Álvarez Escudero; e do director do grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular e director do Departamento de Ciencias Morfolóxicas, José Luis Labandeira García. No acto celebrado no Salón de Actos Novoa Santos da Facultade de Medicina, participou alumnado dos IES Rosalía de Castro, Xelmírez I e II e García Barros da Estrada e dos colexios M. Peleteiro e Compañía de María.
O evento mostra a investigación punteira, describe o traballo do persoal científico e explora os mecanismos detrás dos avances científicos máis novidosos, incluíndo as expectativas culturais. Ademais das conferencias previstas sobre conceptos básicos, proxectos de experimentación actualmente en desenvolvemento ou informacións falsas en relación ás células nai, na xornada realizaranse conexións por videoconferencia coas universidades participantes, xogos e proxeccións de vídeos sobre os temas propostos.
UniStem
Unistem Day toma o seu nome do Centro para a Investigación de Células Nai da Universidade de Milán, fundado en 2006 polos profesores E. Cattaneo, G. Cossu, F. Gandolfi e Y. Torrente e alcanza este ano a súa undécima edición. Ademais este ano traspasa por vez primeira as fronteiras europeas xa que reúne participantes dun cento de universidades e centros de investigación de quince países de catro continente. Ademais de España, participan representantes de Alemaña, Italia, Suecia, Francia, Reino Unido, Hungría, Polonia, Grecia, Portugal, Holanda e Austria, aos que se sumarán por primeira vez Singapur, Colombia e Australia. En España, ademais da USC, está confirmada a participacións doutras once universidades e centros de investigación da ‘Rede de Terapia Celular’, coordinados dende a Universitat de Barcelona.
Na USC coordinan esta actividade Juan A. Parga Martín, Janette Rodríguez Pallares e Ana I. Rodríguez Pérez. O evento conta co patrocinio de Galmedic, Celta Ingenieros, Grupo 3, Glass Chemicals, Fisher Scientific, Grupo Merck, CiMUS, editorial Elsevier, Cienytech, Santiago Futsal, Domino’s Pizza e Gadis.