O Ministerio de Xustiza concédelle a Enrique Gómez-Reino a Cruz Distinguida de 1ª Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort

O Ministerio de Xustiza acaba de concederlle ao catedrático de Dereito de Administrativo da USC, Enrique Gómez-Reino, a Cruz Distinguida de 1ª Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort. Esta distinción premia os servizos prestados e a contribución ao desenvolvemento do Dereito e a Xurisprudencia entre funcionarios da administración de xustiza, profesionais deste ámbito ou autores de publicacións de carácter xurídico de relevante importancia, entre outros. Autor de preto dunha decena de libros e dunha vintena de capítulos, ten dirixido sete teses de doutoramento. O dereito das telecomunicación, do audiovisual e da competencia son os temas que centran as súas liñas de traballo no ámbito da investigación, para o que ten recibido concorrido a convocatorias competitivas da Xunta de Galicia, do Ministerio de Educación e da Dirección Xeral de Ciencia e Tecnoloxía.
É membro da Academia Española de Profesores de Dereito Administrativo e das asociacións ítalo-española, franco española e internacional de docentes neste eido do Dereito. Ademais forma parte da Asociación Española de Dereito Audiovisual, do European Public Law Center (Atenas), do Instituto Internacional de Estudos de Dereito do Estado (Brasil) ou da Asociación Iberoamericana de Dereito Administrativo, entre outros. Foi vogal do Tribunal de Defensa da Competencia e representante español no Comité de Defensa da Competencia da OCDE.