Ir o contido principal

A mostra ‘Un rastro de furia e algas’ reflexiona sobre a creatividade nacida ao abeiro da “ansiedade climática”

Montaxe da exposición ‘Un rastro de furia e algas’. FOTO: Santi Alvite
Montaxe da exposición ‘Un rastro de furia e algas’. FOTO: Santi Alvite
A exposición que bota a andar este xoves 19 no Colexio de Fonseca acolle artistas ‘millenial’ de Galicia e do norte de Portugal para explorar como a sensibilidade medioambiental está a calar nos procesos creativos
Santiago de Compostela

A xeración Y (millennial, nados/as entre 1980 e 1996, aproximadamente) é a primeira afectada polo que se deu en denominar como “ansiedade climática”. Ante esta situación, son moitos os e as artistas que, comezando a súa carreira no século XXI, traballan arredor da crise ecolóxica, reflexionando sobre como as transformacións antrópicas afectan o ser humano e a súa contorna. Baixo esta premisa, a mostra ‘Un rastro de furia e algas’ acolle artistas do Norte de Portugal e Galicia que, nalgúns casos, abordan a través da súa obra a complexidade da loita medioambiental, mentres que noutros acométese o relato de historias concretas, ademais de analizar causas e consecuencias, “intentando pensar como chegamos ata aquí e que podemos facer ao respecto”, tal e como explica o profesor da USC Federico López Silvestre, comisario da mostra xunto a María Gil e Sergio Meijide.

Que é o que diferenza as aproximacións dunhas e outras? Inflúen de xeito determinante os contextos xeográficos, as condicións materiais, a idade ou mesmo o xénero á hora de determinar a aproximación concreta de cada un/unha destas/es artistas a un problema compartido? “Fronte ás posicións apocalípticas dalgúns discursos críticos, a arte en xeral e estas artistas en particular permiten afondar na condición contraditoria do desenvolvemento tecnolóxico e das políticas ambientais. Non é tamén antropocéntrico o discurso que afirma que a humana é a especie máis destrutiva e nociva da Terra?”, explican dende o comisariado da mostra que bota a andar este xoves 19 no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca, a partir das 19.00 horas. O acto inaugural, presidido polo reitor Antonio López, conta coa participación da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e dos comisarios da exposición. A continuación, no mesmo acto, ten lugar unha performance do colectivo artístico Landra.

“A subida dos océanos, a estratificación dos plásticos e o aumento das temperaturas non son casualidades históricas, senón consecuencia directa dun sistema produtivo que cabería transformar se se quere evitar unha extinción prematura”, explican dende o comisariado. Inspirada por un verso de Alba Cid, poeta da xeración Y, a mostra agrupa a artistas millenial de Galicia e do norte de Portugal para explorar como esta sensibilidade está a calar nas súas investigacións. Nas obras expostas apréciase, entre outras cousas, “a denuncia das debilidades e as irresponsabilidades do sistema produtivo, a crítica dos marcos antropocéntricos que determinan a nosa relación co mundo e a supervivencia da vida nas ruínas do capitalismo”.

Entre os artistas que integran a exposición atópanse Damián Ucieda, Eduardo Outeiro, Alexandre Delmar, Diego Vites, Doa Ocampo, A. M. Cabanes Fontao, Mariana Vilanova e o xa citado colectivo Landra. A mostra poderá verse ata o 27 de xaneiro de 2023, en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. Tamén servirá de marco para unha nova vaga de Faíscas Culturais xa que serán os artistas que conforman a iniciativa os que realizarán diversas intervencións nas aulas da USC para fomentar a reflexión arredor do cambio climático entre o estudantado, tomando a mostra como pano de fondo para a toma de conciencia medioambiental.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2023.