A música como recurso curricular en educación infantil e primaria centra en xuño un curso de verán en Formación do Profesorado
‘ A música como recurso curricular en educación infantil e primaria’ é o título do curso de verán da USC que se desenvolverá do 18 ao 21 de xuño na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo. O prazo de inscrición para participar neste programa formativo, para que o se ofrecen un máximo de 30 prazas, permanece aberto na web da USC ata o vindeiro día 7 de xuño.
Estruturado en 25 horas lectivas, este curso de verán dirixido polos profesores Mª Ángeles López de la Calle Sampedro e Mª del Carmen Sarceda Gorgoso, pretende dar pé a un cambio na visión de música no ensino. Daquela, este programa ofrece aos futuros mestres e mestras a ocasión de experimentar e reflexionar sobre como a música pode contribuír ao desenvolvemento formativo discente dende a súa consideración como recurso ao servizo da aprendizaxe nas distintas áreas curriculares.
O programa do curso desenvolverase en quenda de mañá e tarde e está estruturado en obradoiros experimentais sobre música, movemento, comprensión da linguaxe, dinámicas de expresión corporal..., comunicacións orais e concertos didácticos.