Ir o contido principal

Músicas a Carón da Mosqueira achega a Lugo á Real Filharmonía de Galicia no peche deste ciclo

Un concerto da Real Filharmonía de Galicia pechará, o vindeiro luns 13 de decembro ás 20:30 horas no Círculo das Artes de Lugo, a edición deste ano do ciclo de música clásica Músicas a Carón da Mosqueira, dentro da ampla programación de Lugo Cultural.

Dirixida actualmente por Maximino Zumalave, a Real Filharmonía ofrecerá unha actuación composta nunha primeira parte por unha serie de pezas do compositor Antón García Abril dentro da súa obra Cancións e Danzas para Dulcinea. Nunha segunda parte, o grupo interpretará a Sinfonía número 48 en Do maior de Franz Joseph Haydn. O concerto terá unha duración aproximada de 45 minutos e a entrada é libre. A programación Lugo Cultural está organizada a través dun convenio entre a USC, o Concello de lugo, a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta e a Fundación Caixa Galicia e está xestionada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2010.