Ir o contido principal

Nace a Cátedra Internacional RSC Santander Galicia-Norte Portugal

O acordo de creación da cátedra asinouse na Universidade do Minho
O acordo de creación da cátedra asinouse na Universidade do Minho

A Universidade do Minho acolleu este xoves o acto de creación da Cátedra Internacional RSC Santander Galicia-Norte Portugal, unha iniciativa conxunta do Banco Santander, a través de Santander Universidades, e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (fCEER), formada polas universidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) e as tres do Norte de Portugal (Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro). O seu obxectivo é o desenvolvemento de actividades docentes, investigadoras, formativas e de documentación no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa (RSC). No acto participaron o reitor da Universidade do Minho, Antonio M. Cunha, en calidade de presidente de fCEER; o conselleiro de Banco Santander Totta con Santander Universidades, Luís Bento dos Santos; o director do fCEER, o profesor da USC Rubén Lois; e o director de Santander Universidades España, Pedro Alonso; así como reitores e representantes do resto de universidades que conforman a Fundación, directivos do banco e autoridades da Xunta de Galicia e da Administración pública portuguesa. Esta cátedra, que ten coma eixos principais a empresa, a internacionalización e a rendibilidade da RSC, impulsará o intercambio académico internacional que facilitará a profesores e investigadores de prestixio internacional impartir cursos, conferencias e o desenvolvemento de investigacións conxuntas. Establecerase un marco de cooperación académica, científica e investigadora que se configurará como un proxecto aberto a institucións educativas e culturais interesadas na RSC, no seu estudo e desenvolvemento.

Entre as súas liñas de actuación destaca ademais a implementación de estudos de posgrao conxuntos, o fomento de estudos de terceiro ciclo, publicacións e a organización dun foro internacional anual, entre outras iniciativas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2015.