Os novos desafíos xurídicos estudaranse nun congreso iberoamericano en Santiago
Organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con outras universidades e o Valedor do Pobo, o I Congreso Iberoamericano sobre Novos Desafíos Xurídicos buscará entre os días 29 e 30 en Santiago fortalecer o debate científico e a reflexión académica en relación á crise do dereito e das institucións políticas. O encontro diríxese a investigadores xuristas, docentes, coordinadores de proxectos de investigación e persoal de calquera administración pública que teña relación científica co Dereito no espazo iberoamericano. A organización mantén aberto ata o 15 de setembro o prazo para enviar comunicacións. Entre as liñas temáticas a tratar figuran cuestións como os dereitos humanos na orde iberoamericana, a crise do dereito e da política iberoamericana, as políticas públicas e a efectividade dos dereitos, a figura do ombudsman, a protección de datos persoais e Internet no marco xurídico iberoamericano ou o dereito ambiental.
O congreso está dirixido polos profesores da USC Teresa Carballeira Rivera e Antonio Carlos Pereira Menaut e coordinado polos doutorandos Rubén Miranda Gonçalves e Fábio da Silva Veiga. Do comité científico forman parte ilustres personalidades, dende ministros de Tribunais Constitucionais ata docentes internacionalmente recoñecidos, pasando por un ex presidente do Tribunal Constitucional de Perú.