Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico da USC consigue describir a traxectoria do bólido avistado en Galicia en agosto

Imaxe simulada do momento no que o bólido partiu en dous
Imaxe simulada do momento no que o bólido partiu en dous
Grazas á colaboración cidadá

O pasado 9 de agosto, ás 21.17 horas, tivo lugar o paso dun bólido diúrno que se viu perfectamente dende boa parte de Galicia. Dada a expectación creada e o estraño deste fenómeno coa luz do día, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC iniciou de oficio unha investigación na que tamén participaron os membros da Rede Española de Bólidos e Meteoritos José María Madiedo, da Universidade de Huelva, e Josep María Trigo, da Autónoma de Barcelona. Segundo explicaron hoxe José Ángel Docobo Durántez e Pedro Pablo Campo Díaz, director e investigador do Observatorio Astronómico María Aller da USC, non é frecuente observar bólidos diúrnos, “e cando se producen significa que se trata dunha masa importante a que entra na atmosfera” . Efectivamente, segundo as pesquisas realizadas, trataríase dun bólido de considerables dimensións (unha masa de entre 100 e 200 quilogramos) que “probablemente procedía do cinto principal de asteroides, entre as órbitas de Marte e Xúpiter”. Unha vez que o equipo de investigación se desprazou por toda Galicia para tratar persoalmente coas testemuñas do fenómeno, e realizados os cálculos coa Rede Española de Bólidos e Meteoritos, puido trazarse a súa traxectoria, que ten o seu inicio no Norte da provincia de León (case na fronteira con Asturias) e que rematou no Mar Cantábrico, próximo a Ribadeo. A luz do meteoroide, que viaxou a unha velocidade de 17 quilómetros por segundo, iniciouse a unha altitude de 100 quilómetros e cando baixou aos 33 rompeu en dous, sen variar a súa traxectoria. De esquerda a dereita, Pedro Pablo Campo e José Ángel Docobo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2012.