Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico da USC e a Fundación USCDeportiva colaboran con Cidade da Cultura en diversas actividades

Imaxe de arquivo de actividades desenvolvidas en Cidade da Cultura. Foto: CdC
Imaxe de arquivo de actividades desenvolvidas en Cidade da Cultura. Foto: CdC

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC e a Fundación USC Deportiva colaboran un ano máis con Cidade da Cultura na organización de Camiño ao Gaiás e no programa de Visitas Astronómicas. No primeiro caso trátase dun programa de sendeirismo con camiñadas comentadas e de balde as tardes dos xoves ata o próximo 13 de setembro, ademais de catro sesións nocturnas. Esta é unha actividade, de balde previa inscrición, pensada para calquera persoa interesada, aínda que non se recomenda para menores de 10 anos.

Os percorridos diúrnos arrancan ás 19:00 horas desde a oficina de Turismo de Santiago, en plena rúa do Vilar, e tras pasar pola Rúa Nova, a igrexa de Santa María Salomé, a Facultade de Xeografía e Historia e o Mercado de Abastos, a ruta atravesa Virxe da Cerca para adentrarse no Parque de Belvís e desembocar no Sar, admirando a Colexiata e remontando o curso do río polo paseo fluvial. A continuación visitarase o Bosque de Galicia, subindo ao monte polas sendas naturais deste espazo verde e percorrendo puntos como o miradoiro do alto do monte –onde contemplar unha das vistas menos coñecidas de Santiago– e o Parque do Lago.

Unha vez na Cidade da Cultura, ademais de visitar o complexo arquitectónico, as persoas que queiran ampliar un pouco máis a xornada terán a oportunidade de gozar de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos ao aire libre que todos os xoves, venres e sábados de xullo e agosto enche de música o solpor da Praza Central do Gaiás. Camiño ao Gaiás reedita tamén este ano as andainas en formato nocturno en catro das sesións –ademais das dúas organizadas en xullo, haberá o 9 e 16 de agosto–. A actividade propón un percorrido inverso, logo de asistir ao concerto de Atardecer no Gaiás camiñarase cara ao centro histórico.

Visitas astronómicas
O programa de Visitas astronómicas organiza durante os sábados do verán sesións de observación–de balde aínda que con inscrición previa– dirixidas a un público familiar. A través de telescopios e prismáticos e seguindo as explicacións técnicas de monitores, as persoas asistentes observarán a lúa, os planetas, estrelas dobres ou nebulosas, aprendendo ademais, valéndose dun planisferio, a identificar as constelacións á primeira ollada.

O programa alóngase durante todo o verán cun total de dez sesións que se desenvolverán as noites dos sábados ata o 15 de setembro –agás o 25 de agosto–. Prográmase ademais unha sesión extraordinaria para a noite do domingo 12 de agosto, coincidindo coa Noite das Perseidas. Se o tempo acompaña, as ‘bágoas de San Lourenzo’ poderán observarse desde o Gaiás nunhas óptimas condicións de visibilidade, con mínima contaminación lumínica.

A través do web http://www.cidadedacultura.gal está aberta a inscrición nas sesións, para as que quedan xa poucas prazas. Dado o grande interese que esperta esta actividade, o luns previo a cada unha das sesións abrirase a inscrición para 25 prazas adicionais nesa mesma quenda semanal. Ademais, o 6 de agosto abrirase a inscrición para as quendas de setembro. Recoméndase traer roupa de abrigo para participar na actividade. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, a sesión trasladarase ao auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2018.