Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico da USC intensifica o seu programa de actividades este verán

Unha das actividades que máis participantes congregou nestes últimos meses foi a observación da eclipse solar do pasado marzo.
Unha das actividades que máis participantes congregou nestes últimos meses foi a observación da eclipse solar do pasado marzo.

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) desenvolverá ao longo dos meses de verán un amplo programa de actividades divulgativas sobre astronomía. Así, o proxecto TodoCosmos, co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), levará a cabo numerosas iniciativas ao longo de xullo e agosto nos concellos asociados a esta proposta divulgadora. O próximo venres 3 no paseo marítimo de Noia, dende ás 22.45 horas, TodoCosmos inicia unha programación de propostas con sesións de observación e conferencias que continuarán en Rianxo, Ames, Pobra do Caramiñal, Vedra, Teo, Noia, Lalín ou Sanxenxo, entre outras localizacións, ademais de nas propias instalacións do OARMA. A estas sumaranse durante o mes de agosto iniciativas similares en Ribadeo, Cabeza de Manzaneda, Ordes ou na praia das Catedrais, entre outros emprazamentos. En breve coñeceranse as datas e horas exactas. Como explica o director do OARMA, José Ángel Docobo, o observatorio mantén ao longo do ano unha programación estable con propostas múltiples de divulgación astronómica e que nestes últimos meses achegou a actividade do observatorio universitario a Bertamiráns, Sigüeiro, Carcacía, Vedra, Escravitude, Palas, Carballo, Lalín, Teo, Caldas de Reis, Milladoiro, e especialmente a centros escolares de Noia, Oroso, Rianxo, Ribadeo, Santiago e Teo. Ademais, “foron moitísimas as visitas didácticas recibidas no Observatorio”. Visitas Astronómicas Dando continuidade á proposta de anos anteriores, o Observatorio da USC colaborará coa Cidade da Cultura de Galicia ao longo de xullo, agosto e setembro no programa Visitas Astronómicas que se desenvolverá os días 10 e 17 de xullo, 7, 12, 14, e 21 de agosto; e 4, 11, e 18 de setembro, e no que o público tamén participará de forma activa en observacións a simple vista e con telescopios. O equipo que leva a cabo todas estas actividades está composto por José Angel Docobo Durántez, Pedro Pablo Campo Díaz, José Ramón González Romay e Jorge Gómez Crespo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2015.