Ir o contido principal

A oncoloxía integrativa como modelo de atención necesario, a debate nun curso de verán da USC en Oia do 15 ao 18 de xullo

A oncoloxía integrativa como modelo de atención necesario, a debate nun curso de verán da USC en Oia do 15 ao 18 de xullo
A oncoloxía integrativa como modelo de atención necesario, a debate nun curso de verán da USC en Oia do 15 ao 18 de xullo
O prazo de matrícula neste programa da Universidade de Verán da USC dirixido por Lourdes Vázquez e Salvador Ramos está aberto en liña ata o 5 de xullo

‘ Oncoloxía integrativa: Outros modelos de atención son posibles é necesarios’ é o título do curso da Universidade de Verán 2019 da USC que se desenvolverá do 15 ao 18 de xullo no hotel Talaso Atlántico de Oia (Pontevedra). Este programa formativo, dirixido por Lourdes Vázquez Odériz e Salvador Ramos Rey, está estruturado en 30 horas de formación, ao tempo que está aberto á participación de todas as persoas interesadas sen límite de prazas. A matrícula neste curso de verán permanece aberta en liña na web da USC ata o 5 de xullo.

Os obxectivos deste curso son coñecer as iniciativas que desde Saúde Pública se poden ofrecer para diminuír a incidencia do cancro, remarcar a importancia dos estilos de vida como factor de risco na prevención primaria e como factor prognóstico tras o diagnóstico, e resaltar o papel de Atención Primaria e dos diferentes profesionais socio-sanitarios na atención a pacientes oncolóxicos.

Este programa da Universidade de Verán 2019 da USC, para cuxa celebración conta con financiamento de Talaso Atlántico e da Cátedra Institucional de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia-Agencia de Turismo de Galicia, tamén está recoñecido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, ao tempo que goza do Aval Científico da Asociación Iberoamericana de Termalismo e Benestar (AITB) e da Sociedade Oncolóxica de Galicia (SOG).

Estruturado en relatorios a cargo de profesionais e especialistas de recoñecido prestixio e obradoiros de alimentación saudable, climatoterapia ou hidrocinesioterapia, o curso afondará sobre cuestións relativas á incidencia da alimentación no cancro, tóxicos ambientais ou, entre outras, a medicina termal e as patoloxías relacionadas coa inflamación crónica e o estrés.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2019.