Ir o contido principal

Óptica e Optometría homenaxea ao óptico Enrique Valcárcel na festividade da súa patroa

Aproveitando o escenario académico, Enrique Valcárcel explicou que é fundamental para os novos graduados ter unha materia centrada en xestión e dirección de empresas
Aproveitando o escenario académico, Enrique Valcárcel explicou que é fundamental para os novos graduados ter unha materia centrada en xestión e dirección de empresas
Valcárcel é presidente de honra do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia
Santiago de Compostela

O presidente de honra do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, Enrique Valcárcel, recibiu este xoves unha homenaxe á súa traxectoria profesional na  Facultade de Óptica e  Optometría da USC, no marco da celebración da festividade da patroa da facultade, Santa  Otilia. O acto estivo presidido polo vicerreitor de Profesorado, Ernesto González; a decana do centro, María Jesús Giráldez; e o presidente do Colexio, Eduardo Eiroa.

Aproveitando o escenario académico, Enrique Valcárcel explicou que é fundamental para os novos graduados ter unha materia centrada en xestión e dirección de empresas, para poder facer fronte ás grandes cadeas de óptica que “antepoñen os obxectivos ás persoas”, sinalou.

O homenaxeado lembrou as innumerables reunións e negociacións coa Consellería de  Sanidade, “durante anos, ata asinar en 2006 o vixente Convenio  Ollo  cos  Ollos” polo que as ópticas galegas reciben as  interconsultas de atención primaria para realizar as oportunas revisións visuais: máis de medio millón actualmente”. Outra das liñas de actuación nas que traballou foi reforzar a formación dos colexiados coa convocatoria anual de diferentes cursos, e difundir o labor do óptico-optometrista á cidadanía coa incorporación dun gabinete de prensa ao colexio profesional.

Nestes 45 anos de profesión, Enrique Valcárcel realizou incontables sesións de adestramento visual para nenos e adaptación de lentes de contacto co fin de recuperar visión e a binocularidade, en definitiva mellorar a calidade de vida das persoas. “A  binocularidade é imprescindible, xa que o 80% das relacións laborais ou sociais que temos son a través da visión dos nosos ollos. Actualmente estamos rodeados de contido dixital e a maior parte da información éntranos polos ollos, polo que a  optometría debe adaptarse ás necesidades visuais do momento” explicou.

María Jesús Giráldez destacou, pola súa parte, o “compromiso e entrega” de Enrique Valcárcel coa profesión, que en moitas ocasións supuxo unha renuncia de tempo persoal. Pero a decana sinalou que esta dedicación procurou logros fundamentais para a óptica e  optometría en Galicia e en España. Indicou que o homenaxeado tivo unha implicación directa na orde de 1993 na que se establecía a regularización dos establecementos sanitarios de óptica, e a súa modificación de 1997 na que se incluía a esixencia da titulación universitaria e a colexiación, “todo un camiño percorrido no que Enrique Valcárcel xogou un papel fundamental que levou á inclusión da profesión de óptico-optometrista na Lei de 2003 de Ordenación de Profesións Sanitarias en España”.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.