Ir o contido principal

Óptica e Optometría impulsa un punto informativo para concienciar o alumando sobre a importancia da saúde visual

Alumnado realizando prácticas de Óptica e Optometría. Imaxe de arquivo
Alumnado realizando prácticas de Óptica e Optometría. Imaxe de arquivo
Esta iniciativa que coincide coa Semana da Optometría situarase inicialmente na zona da Biblioteca Concepción Arenal no Campus Vida

A Facultade de Óptica e Optometría súmase ás accións de difusión organizadas dende o Colexio Profesional con motivo da Semana da Optometría a fin de concienciar a sociedade sobre a importancia da atención visual primaria, é dicir, da prevención para unha boa saúde visual. Neste senso, o Campus Vida acolle na zona da Biblioteca Concepción Arenal, dende este luns 14 de outubro e ao longo de toda a semana, un punto informativo dende o que difundir información sobre a actividade destes profesionais.

Que se coñeza o papel fundamental do profesional óptico optometrista para dita prevención, por ser o profesional sanitario de atención visual primaria, constitúe un dos principais obxectivos desta iniciativa que executarán alumnos e alumnas do grao en Óptica e Optometría.

Portas abertas

Asemade, dende o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, organízanse durante toda a semana xornadas de portas abertas nos establecementos de óptica, alén das III Xornadas de Optometría os días 19 e 20 de outubro. Estas xornadas terán lugar no Hotel Oca Porta do Camiño e conformarán un punto de reunión e intercambio de coñecementos entre os profesionais Ópticos-Optometristas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.