Organízase por primeira vez en Lugo un curso dirixido á comunidade universitaria sobre a prevención do consumo de drogas
O Campus de Lugo será por vez primeira destino dun curso de prevención do consumo de drogas dirixida á comunidade universitaria e organizado polo Servizo de Participación e Integración Universitaria, a asociación lucense ALIAD e o Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo.
Obxectivos
O programa está estruturado en dúas partes, unha socio sanitaria e outra xurídica, co fin de que os asistentes coñezan os riscos, factores de protección, recursos de tratamento de drogas e consecuencias xudiciais de estar en posesión de substancias ilegais.
A finalidade deste curso supera o aspecto formativo para converterse nun foro de reflexión sobre os efectos das drogas na saúde. Segundo os organizadores, as formas xuvenís occidentais de entender o ocio contribúen a estender patróns de consumo pouco saudables con substancias legais (coma o alcohol e o tabaco) e ilegais (coma o haxix ou a cocaína fundamentalmente). Por isto, unha das estratexias para contribuír ao benestar da poboación nova será a análise desta realidade.
A metodoloxía do programa ten un marcado carácter participativo cun importante traballo sobre a capacidade crítica arredor do desenvolvemento persoal, que segundo explican os promotores, está destinada a fortalecer a aprendizaxe colectiva e favorecer a adquisición das habilidades necesarias para desenvolver un estilo de vida saudable.
Participación social
Os estudantes que realicen o curso tamén poderán colaborar no programa de actividades de participación social que oferta a USC conxuntamente coa
asociación ALIAD para o presente curso. Estas actividades, de carácter voluntario, están pensadas para a mellora das competencias en habilidades sociais dos estudantes universitarios e contan con recoñecemento académico para os alumnos de titulacións non adaptadas ao EEES e para os novos títulos de Grao.
Destinatarios
Neste curso, que está recoñecido cun crédito de libre configuración para todo o alumnado da USC, poden participar estudantes de todas as titulacións
así como todas as persoas interesadas en afondar no estudo da repercusión do consumo de drogas sobre o desenvolvemento social e persoal. Está aberto tamén a persoas ou organizacións vinculadas ao campo da prevención, a educación e o tempo libre.
A Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay (na Estrada da Granxa, número 130) acollerá esta actividade formativa en horario de 9:45 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas os vindeiros días 26 e 27, mentres que a xornada do 28 será tan só en horario de mañá. A matrícula pode realizarse a través de internet no espazo web do Servizo de Participación e Integración Universitaria ata o mércores día 24.
Pódese ampliar a información no mesmo servizo e no portal www.usc.es/sepiu ou no teléfono 982 823 594.