Ir o contido principal

O papel da educación en xénero fronte á pornografía e ás violencias sexuais centra as xornadas de formación do CIFEX

O CIFEX da USC promove unhas xornadas sobre o papel da educación en xénero fronte á pornografía e ás violencias sexuais. Foto: Santi Alvite
O CIFEX da USC promove unhas xornadas sobre o papel da educación en xénero fronte á pornografía e ás violencias sexuais. Foto: Santi Alvite
O prazo de inscrición para asistir ao encontro remata este martes 7 de setembro

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da Universidade de Santiago de Compostela celebra o xoves 8 de setembro as XIV Xornadas de Formación e VI Xornadas Internacionais de Educación, Xénero e Igualdade, unha actividade ao abeiro do convenio en materia de igualdade entre a USC e o Concello de Santiago que busca promover un modelo de convivencia igualitaria e de relacións interxénero equitativas e democráticas.

Baixo o título ‘Des-Educación: Pornografía e Violencias Sexuais' as xornadas afondarán en temas como os usos pornográficos en redes sociais e novos medios, a erotización da violencia, ou o desafío que as violencias sexuais, a prostitución e a pornografía supoñen para a educación e a información, e tratarán tamén rol que están a xogar as novas tecnoloxías e plataformas nesta problemática.

A Facultade de Ciencias da Educación da USC no Campus Sur acollerá estas xornadas cuxa inauguración contará coa presenza de Marta Pérez Pereiro, delegada do reitor da USC para a Igualdade; Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade de Santiago de Compostela; Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación; Teresa Moure, directora do CIFEX; e Rita Mª Radl Philipp, directora da actividade.

Especialmente dirixidas ás futuras e futuros profesionais do ámbito da educación, as xornadas están tamén abertas ás entidades que traballan a prol da igualdade, e a todo tipo de persoas interesadas nesta temática e na súa aplicación no ámbito comunitario, social e político do contexto autonómico, estatal e internacional.

A asistencia ten carácter gratuíto e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 7 de setembro, enviando cuberto o formulario de inscrición  ao equipo organizador. O programa completo do evento está dispoñible na web da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.09.2022.